Os concellos asumen 30% do custo do SAF e as persoas usuarias, 11%
A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) avaliou esta terza feira un informe elaborado a partir dos datos sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) achegados polos 213 concellos que participaron no mesmo, co que se concluíu que o seu custo supera, de media, os 20 euros por hora.
A Fegamp remitirá o documento á conselleira de Política Social, Fabiola García, xunto cun recordatorio para que concrete a reunión prevista este mes para continuar negociando o financiamento do servizo.
No encontro mensual da Fegamp abordouse esta terza feira como asunto principal esta negociación aberta coa Xunta da Galiza, que comezou en marzo cunha primeira reunión entre o seu presidente, Alberto Varela, e a conselleira, motivo polo que elaborou este informe que sinala que, en 2024, os concellos tiveron que achegar case 30% do custo do SAF (29,8%), mentres que a Xunta cubriu 27,3% e o Ministerio, 30,6%. Restaría o 11,2% pago polas persoas usuarias e o 1,1% cuberto por remanentes.
Cada hora prestada no SAF custa 20,07 euros de media no servizo externalizado (53% dos casos), 20,35 euros no municipalizado (27%) e 20,88 euros no mixto (20%). E nos últimos 16 contratos adxudicados por concellos en 2025 o custo medio sobe até 22,75 euros, se ben os informes económicos dos 22 contratos que se atopan agora en tramitación mostran gastos de até 23,66 euros por hora. Todo isto supón un custo anual estimado para os concellos de entre 260 millóns de euros (intensidade mínima en cada grao) e 420 millóns (máxima).
A Consellaría dixo ser "consciente" do incremento do custo e da "necesidade de aumentar a achega aos concellos", mais descargou de novo as culpas no Estado.