Competencia sanciona dúas filiais de Florentino Pérez por irregularidades nun concurso do Sergas
A Comisión Galega da Competencia vén de facer publica una resolución pola que sanciona a dúas empresas do grupo ACS, compañía dirixida polo presidente do Real Madrid, Florentino Pérez.
O organismo impón á mercantil Samaín Servizos unha multa 54.649,4 euros e “a prohibición de contratar respecto de calquera licitación pública convocada no ámbito territorial da provincia de Lugo en servizos de limpeza” durante seis meses. Na mesma dirección, sanciona a Zaintzen con outra multa de 112.421,7 euros e “a prohibición de contratar respecto de calquera licitación pública convocada no ámbito territorial da provincia de Lugo en servizos de limpeza” no prazo de sete meses.
Samaín Servizos e Zaintzen son dúas empresas do grupo Clece, a división de servizos da corporación Florentino Pérez. A Comisión Galega da Competencia sanciónaas por prácticas colusorias e competencia desleal nun concurso público do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ao detectar prácticas irregulares na licitación dos servizos de limpeza, desinfección e xestión de residuos de 56 centros de saúde da área Sanitaria de Lugo.
A Comisión Galega da Competencia denuncia «a actuación de forma coordinada das empresas vinculadas Samaín e Zaintzen, que tiña como obxectivo a exclusión de licitadores falseando a competencia, tratando de asegurar que unha desas dúas empresas resultase adxudicataria, implicou a expulsión de ofertas que sen ese comportamento irregular poderían participar no proceso de licitación e chegar a ser adxudicatarias do contrato, mesmo cun menor custo para a administración sanitaria».
A resolución indica que “esta oferta tan elevada e desproporcionada ocasionou que Zaintzen obtivese a totalidade de puntos nese apartado (8 puntos), mentres que entre os demais licitadores a puntuación máis elevada foi de 1,04 puntos. Esa actuación coordinada, que perseguía lograr a adxudicación do contrato a unha desas empresas, implicou a expulsión, por non alcanzar os puntos mínimos, de ofertas que economicamente eran máis vantaxosas para o Sergas”.
O organismo dependente do Goberno galego entende que non hai «xustificación nin argumentos serios» para explicar estas coincidencias, salvo que para as empresas de ACS denominado «privilexio de grupo concíbese como una certa impunidade de grupo no cumprimento das normas»