Comida rápida, traballo efémero
Un sector de contratos parciais, sen horarios nin salarios fixos e inzado de traballadoras que só están de paso. Como o peixe que morde a súa propia cola, a alta rotación provoca unha acusada debilidade do movemento sindical que, ao mesmo tempo, é retroalimentada polas propias características do traballo. Ninguén pensa en dedicar toda a súa vida a preparar hamburguesas cunhas condicións como as actuais.
Cando abramos a porta da nosa vivenda para recoller a pizza ou nos acheguemos pedir no McDonald’s que corresponda, a cara máis común que atoparemos será a dunha persoa moza –de entre 19 e 25 anos–, estudante e cun contrato por horas. Perante estas condicións, o sector non acostuma manter as súas traballadoras máis de tres anos.
O último elo do sector hostaleiro
“Se ti agora vas procurar traballo en calquera centro comercial, ves que pasa en calquera restaurante de comida rápida, en calquera tenda de Inditex… Agora é moi difícil atopar un traballo que sexa de xornada completa”, conta Sara Reina, asesora da CUT e con perto dunha década de experiencia como empregada en restaurantes de comida rápida na Galiza e en Catalunya. As condicións están avaladas polo propio convenio estatal que rexe estas empresas.