A CNMV rexeita as contas de Pescanova e estuda sancionar ao seu presidente

Pescanova

A Comisión Nacional do Mercado de Valores rexeitou as contas presentadas por Pescanova. A banca acredora di que só negociará se hai un cambio no equipo xestor

 

As sorpresas en Pescanova veñen minuto tras minuto. Cando aínda non se recuperou da nova dun presidente que, sen informar á CNMV, vendeu a metade das súas accións nos meses previos á crise; agora a dirección recoñece que só garante os salarios do persoal no presente mes de abril, segundo apuntan desde Europa Press. A partir de aí non hai nada en firme. E, aliás, a Comisión Nacional do Mercado de Valores rexeitou as contas que a compañía presentou, após dous requerimentos.

A CNMV considera que as contas nin aclara a contabilidade do exercicio 2012 nin a débeda que se ocultou. KPMG encargarase, sinala a comisión, de realizar unha auditoría forense. E o presidente da multinaciona, Fernández de Sousa,exponse a unha multa non  preciamente pequena.

Por outra banda, directivos de Pescanova comunicaron ao comité de empresa. O comité indica que até o de agora Pescanova cumpriu, pois non fixo despedimentos. Mais coa entrada en suspensión de pagos, “que non é ningunha broma”, non se garanten escenarios a medio prazo. Nin sequera a curto prazo.

Cambios

E a isto engádese que parte da banca acredora de Pescanova pide un cambio no equipo directivo da empresa, comezando polo seu presidente, Fernández de Sousa. A débeda da pesqueira supera os 3.000 millóns de euros, unha cifra que duplica a que a propia firma afirmaba ter hai un mes.