O clan Méndez e os negocios á sombra dos cartos de Caixa Galicia
O home que controlou durante 29 anos a entidade do norte quedou libre das condenas de prisión polas millonarias indemnizacións a directivos na fusión das caixas galegas, malia percibir a contía máis elevada de todo o Estado. Desde a súa saída, a familia Méndez multiplicou os seus investimentos coa xubilación de ouro do patriarca. Uns negocios que revelamos no Sermos Galiza 231, á venda nos quiosques e na loxa. Eis un extracto da información.
José Luis Méndez López era e é un home intocábel. Á fronte de Caixa Galicia, o seu poder estendíase de maneira omnímoda polo país até converterse nun dos xestores máis lonxevos das caixas de aforros do Estado. Durante 29 anos dirixiu a entidade do norte baixo os seus designios, rodeado da súa familia, que ostentaba altos cargos, até a desaparición e posterior fusión das caixas galegas. Unha saída que evitou a súa condena pola Audiencia Nacional, que vén de enviar a prisión catro dos directivos de Novacaixagalicia por acordar indemnizacións millonarias.
Saíu en setembro de 2010 entre eloxios e agradecementos do seu consello, que defendía a súa indemnización como compensación a tres décadas de traballo e da que, supostamente, tería renunciado a parte do que lle correspondía, pois segundo o contrato podía ocupar o cargo até os 70 anos. A xubilación de ouro do ex-director xeral, que presumía de ter convertido unha caixa provincial nunha das principais caixas do Estado, coñecíase o mesmo día en que os responsábeis de Novacaixagalicia anunciaban que a obra social da entidade era “insostíbel” e que os despedimentos eran “inevitábeis”.
[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 231, á venda nos quiosques e na nosa loxa]