CIG critica que se fale de “recuperación do naval en Vigo” cando en menos de 10 anos se destruíron 8.000 empregos

Naval_CIG

“Compáranse as actuais contratacións coas de anos anteriores, cando case non existía sector ao atoparse practicamente desfeito”.

As últimas noticias sobre a recuperación do naval de Vigo e de que este sector está a liderar a contratación de novos proxectos, por diante de Euskadi e Asturies, non convencen á CIG, que considera que nelas hai máis “propaganda” que realidade. Así, o sindicato nacionalista indica que o pretendido aumento nas contratacións débese que se compara a cifra actual coa destes anos, “cando case non existía sector” por estar “practicamente desfeito”. A isto engaden que desas 6 contratacións, 2 dependen de Armón Asturies e outra dun estaleiro de Marín. “Trátase de estaleiros pequenos que xa estaban a traballar, polo que o impacto en termos de postos de traballo é nulo”.

Os que levaban “o peso da contratación en termos de buques e postos de traballo continúan no dique seco”: Barreras está á espera da entrega do flotel, “co que quedaría baleiro”; Vulcano leva cinco anos sen contratación, encadeando EREs “e no limite da resistencia”; xa pasaron tres anos dende que Metalships entregou o ultimo buque; e Freire atópase rematando dúas construcións.

A CIG critica que se fale de “recuperación do naval en Vigo” cando en menos de 10 anos se destruíron 8.000 empregos.