CIG traslada a Bruxelas a creación dunha tarifa industrial estábel

Unha delegación da central reuniuse co comisario europeo de Enerxía.

Unha delegación da CIG reuniuse esta segunda feira en Bruxelas co comisario europeo de Enerxía e Acción para o Clima, Miguel Arias Cañete, para falar da problemática que enfronta a industria electrointensiva a causa do elevado prezo da enerxía, así como para demandar da UE a posta de marcha de actuación e medidas para solucionar esta problemática

 

A delegación da CIG estivo encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril, e da mesma participou a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a través de quen se xestionou este encontro. 

 

Carril explicou que con esta xuntanza queríase coñecer de primeira man que medidas estuda a Unión Europea a respecto da industria gran consumidora de enerxía ao tempo que se puxo en coñecemento do responsábel europeo a proposta da CIG para a creación dunha tarifa industrial estábel e predicíbel á que se poidan acoller as industrias electrointensivas.

 

O secretario xeral da CIG subliñou que até o momento as medidas adoptadas polo Goberno español para garantir a viabilidade e o futuro destas industrias "son papel mollado que non resolve nada". Engadiu que as propostas recollidas no Real Decreto 20/2018 para o sector electrointesivo resultan "insuficientes e lentas para estar a altura das circunstancias ante a grave situación da industria, particularmente no caso de Alcoa".

 

O máximo responsábel da CIG asegurou que "sería un delito" que se permitira a destrución de postos de traballo e o desmantelamento do tecido produtivo a causa do prezo da electricidade "nun país como Galiza, gran produtora e exportadora de enerxía".

 

A CIG aproveitou o encontro con Arias Cañete para demandar da Comisión a posta en marcha de todos os mecanismos posíbeis para reclamar que se defina o aluminio como un sector estratéxico "porque así o é para a economía galega e debería ter esta consideración tamén a nivel europeo, co que isto supón de vantaxes no ámbito enerxético, comercial, fiscal, etc.".