A CIG reclama información pola vía xudicial sobre a promotora de Altri
A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou esta quinta feira a presentación dun recurso contencioso-administrativo para demandar información sobre a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galiza, coñecida como Impulsa Galiza, mercantil constituída o tres de maio de 2021 polo Goberno galego –socio maioritario–, Abanca, Reganosa e Sogama e que foi disolvida o pasado agosto.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que o seu sindicato recorreu a vía xudicial "unha vez esgotada a administrativa" para ter acceso á información sobre Impulsa Galiza, xa que, "nun exercicio de opacidade e escurantismo", non deu resposta á solicitude cursada o pasado mes de abril e a Comisión de Transparencia da Galiza decidiu non admitir en xuño a reclamación presentada por este motivo.
A información requirida polo sindicato nacionalista ten a ver co 'Expediente ou documentación completa do proxecto de iniciativa tractora desenvolvido por Impulsa Galiza para a transformación de madeira en fibra téxtil', co 'Memorando de Entendemento (MdE) subscrito entre Impulsa Galiza e Altri' , co 'Acordo definitivo entre Impulsa Galiza e Altri' e mais coa 'Documentación das xestións realizadas por Impulsa Galiza para a cooperación con Altri na tramitación administrativa do proxecto'.
Carril lembrou que, "curiosamente", a sociedade de capital público-privado anunciou a súa disolución o pasado 7 de agosto, "poucos meses despois de que a CIG iniciase os trámites reclamando a documentación a respecto das relacións entre Impulsa Galiza e Altri". Na mesma dirección, o BNG e o PSdeG anunciaron días atrás accións legais contra a Xunta para coñecer os termos do documento asinado entre a mercantil participada pola propia Administración galega e a pasteira portuguesa, así como as "contrapartidas" que o Executivo de Alfonso Rueda asumiu coa compañía lusa.
A falta de transparencia e a ausencia de resultados pairou sobre Impulsa Galiza desde a súa fundación. O Consello de Contas denunciou en abril de 2025 que a devandita sociedade "non rendeu contas nin se integrou nos orzamentos xerais", demandando en consecuencia que debe ser “sometida a control, supervisión pública e rendición de contas”.