A CIG presenta unha estratexia enerxética para deixar de ser "territorio de sacrificio"
A CIG presentou esta sexta feira en Compostela o estudo Bases para unha estratexia galega da enerxía. Obxectivos e actuacións, sobre a situación enerxética actual na Galiza, dentro do modelo de transición cara á electrificación, e adiantou propostas concretas que considera "básicas" dirixidas ao Goberno galego e ao español. A central sindical xa presentara anteriormente unha iniciativa lexislativa popular (ILP) orientada á creación dunha tarifa eléctrica propia para o país que tivo o apoio unánime do Parlamento galego aínda que foi paralizada despois.
En rolda de prensa compareceron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o responsábel da Mesa de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Branco e o coordinador do traballo, Quico da Silva. Abriu as intervencións Paulo Carril para sinalar que Galiza "chegou á actualidade cun papel importante como país transformador de enerxía, como consecuencia de decisións políticas alleas, moitas delas do período franquista, das que seguimos sen ter beneficios".
Por iso, apuntou, "agora exportamos unha media superior a 35% de electricidade". O defecto, para o líder da central nacionalista, é que o papel da Galiza neste campo "obedece a un deseño centralista, reservando a industrialización e a devolución dos beneficios que pode xerar esta produción de enerxía para outras zonas do Estado español".
Soberanía enerxética
Quico da Silva, pola súa parte, explicou as 11 medidas de ámbito galego e 8 no estatal que propón a central nacionalista para aproveitar as competencias das que xa dispón a Xunta da Galiza. Comezou pola necesidade de realizar "un plan social" para "combater as desigualdades da transición enerxética que xeran un rexeitamento cidadán".
Neste sentido, demandou que “a cidadanía debe estar informada, sensibilizada e cualificada” a todos os niveis "para fomentar a participación crítica e evitar dependencias externas". Ademais, urxiu medidas fiscais para corrixir a "transferencia de rendas das clases menos favorecidas ás que máis recursos teñen".
Entre as propostas máis importantes está a creación dunha Lei galega do sector eléctrico que dea prioridade ao "consumo local, de proximidade", garantindo eficiencia económica e a ambiental. Da Silva explicou que a norma legal viría acompañada "dunha empresa pública de enerxía, que xa se podería crear e que actuaría xa na planificación enerxética do país", intervindo nos prezos para facelos competitivos con acordos de compravenda (PPAs) e tamén na xeración, o transporte, distribución e a comercialización da enerxía. Outro eido de actuación, para a CIG, é o da distribución eléctrica, actualmente dominada por empresas privadas como Naturgy.
Da Silva sinalou que a xestión podería facela a propia empresa pública creada e mesmo actuar nos puntos de acceso e de conexión á rede, agora controlados por compañías privadas, que "impiden coñecer quen fai uso deses nodos, para que proxecto e con que criterios".
Por último, a CIG propón que o país aproveite "o mellor recurso renovábel de todo o Estado" para o beneficio do pobo. Por iso, Da Silva concluíu que estas medidas permitirán "que a xeración eléctrica do país sexa en beneficio do propio país", promovendo xustiza social, a sustentabilidade e o desenvolvemento económico.
Transición de enerxía
Na súa quenda, Branco puxo de manifesto a política mundial de transición enerxética, "que pretende que a maior parte de enerxía veña de fontes renovábeis, algo que Galiza xa cumpre cun 84% en 2024 (cando a previsión era de 81%), e que sexa con consumo eléctrico, algo máis complexo". Con todo, este sindicalista lembrou que "non se logrou desprazar aos combustíbeis fósiles" malia ter "o mellor recurso eólico e hidroeléctrico de todo o Estado", contribuíndo con perto de 24-25% da xeración hidroeléctrica estatal.
Porén, para Branco o "boom" eólico responde a intereses de empresas que "buscan os mellores lugares porque llo permite a lei actual", sen que se beneficie o lugar de instalación. Lembrou, ademais, que a CIG vén criticando a tarifa eléctrica