Discriminación das mulleres

A CIG denuncia fendas salariais de 300 euros en Inditex

Greve das traballadoras de Bershka, do grupo Inditex, convocada pola CIG.

“As condicións dos homes que traballan en Inditex están moi por riba das das mulleres”, denunciou esta maña a secretaria confederal de Igualdade da CIG, Margarida Corral. Referíase ás tendas do grupo Inditex, en que a fenda salarial chega aos 300 euros.
 

En postos de traballo como caixeiros ou comerciais, as diferenzas salarias oscilan entre os 200 e 300 euros a prol dos homes, estendeuse. “As comisións nas roupas de cabaleiro son máis altas que en mulleres ou nenos”, engadiu. Nas seccións de cabaleiros traballan máis homes que mulleres, “curiosamente”, ironizou.

 

A tamén sindicalista Transi Fernández, de CIG Servizos, sinalou que, a maiores, 90% das empregadas están contratadas a tempo parcial, mentres que a maioría dos homes estano a tempo completo.

 

A CIG demanda que se poñan en marcha plans de igualdade dentro de cada centro de traballo. Onde xa existen e están activos, afirmou Margarida Corral, a situación non é tan negativa. “Cómpre homologar as condicións laborais en todas as tendas e que desaparezan as descriminacións nun grupo empresarial especialmente feminizado”, dixo.

 

As sindicalistas expuxeron, ademais, o que denominan “tiranía da imaxe” nas tendas de Inditex. A empresa esixe ás traballadoras unha determinada maneira de se peitear ou que pendentes poñer. Ou fai que as traballadoras máis veteranas sexan destinadas aos equipos de almacén ou a “postos menos visíbeis”.


Concentracións contra os recortes nas prestación por desemprego


A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Lugo e Compostela acolleron esta cuarta feira concentracións convocadas pola CIG contra os recortes nas prestacións por desemprego que prepara o Goberno de Rajoy.

 

Madrid pretende unificar as prestacións asistenciais, -que son competencia autonómica- e integralas na Seguridade Social, para así reducir o tempo de percepción e a contía do subsidio. A CIG entende que a vía para “enfrontar as políticas do PP, que lexisla só para favorecer as persoas máis ricas mentres endurece as medidas contra a clase traballadora” é a folga xeral que convocou para o vindeiro 19 de xuño.

 

Nota: imaxe da concentración da CIG na Coruña contra o recorte das prestacións por desemprego.