Altri suspende o exame para obter axudas para a descabornización

Unha garza sobrevoando a lagoa de Quintas (Palas de Rei), dentro do predio que ocuparía a celulosa de Altri. (Foto: Juan Maña)

O ministro de Industria confirmou esta cuarta feira que Altri quedou sen os 30 millóns de euros que solicitara do Proxecto estratéxico para a recuperación e a transformación económica (Perte) de descarbonización para construír a súa celulosa na Ulloa. A compañía, que recorrerá a resolución, pide ao Goberno estatal que interceda ante Bruxelas para poder optar aos fondos europeos e afirma que, en calquera caso, este anuncio non trastorna a súa folla de ruta. 

O Ministerio de Industria deixa Altri sen 30 dos 250 millóns de euros de fondos públicos que demandaba –neste caso a través da liña 4 do Perte de descarbonización– para construír a súa macrocelulosa na Ulloa. O ministro do ramo, Jordi Hereu, sinalaba esta cuarta que a pasteira "non obtivo, como outras empresas, a puntuación mínima para a avaliación e tampouco sacou a puntuación precisa en todos e cada un dos parámetros". O procedemento de avaliación para a concesión dos Perte, dixo, é "estritamente técnico", e apuntou que contra a resolución publicada hoxe "as empresas teñen dereito a alegar, como en calquera outro proceso", algo que xa confirmou esta cuarta a propia compañía.

Esta liña do Perte repartiu 90 millóns de euros en proxectos industriais promovidos por cinco empresas, e entre os agraciados non estivo tampouco Ence, que buscaba sufragar con fondos públicos a posta en marcha dunha planta de reciclaxe téxtil nas Pontes (O Eume) no recinto da central térmica. Ence, que tamén presentará alegacións, ratificou o seu "compromiso" co proxecto.

Altri pide ao Estado que interceda ante Bruxelas

Á primeira hora da mañá da cuarta feira, Altri, que canda Greenalia promove a celulosa da Ulloa baixo a marca Greenfiber, saía ao paso da noticia afirmando que “o proxecto segue o seu curso” e remitíndose aos vindeiros trámites administrativos que ten por diante coa Xunta da Galiza, nomeadamente a autorización ambiental integrada (AAI), podería chegar en xuño unha vez obtida a declaración de impacto ambiental (DIA) positiva.

A multinacional condicionou desde o primeiro momento a viabilidade do proxecto á concesión de 250 millóns de euros –25% do investimento de 1.000 millóns que prevé– de fondos públicos. Porén, esta cuarta asegurou que a non obtención das axudas vinculadas ao Perte "non altera a folla de ruta”.

A empresa admitiu que concorreu a esta convocatoria “con pleno coñecemento" de que a macrocelulosa de Palas de Rei “non podería ser elixíbel por razóns de prazo –os proxectos beneficiarios desta liña deberían estar concluídos antes do 31 de marzo de 2026–, fóra de que, tal e como se trasladou á empresa, o Goberno español conseguise acordar coa Comisión Europea unha prórroga, considerando que había máis proxectos na mesma situación". Unha prórroga que non se autorizou en Bruxelas mais que Altri solicitou ao Executivo que negociase como mediador para que, así, tomase "en consideración as alegacións da compañía".

O ministro Hereu sinalou que Altri “está no seu dereito de alegar, como en calquera outro proceso”, e mesmo asegurou que o seu departamento “seguirá facendo convocatorias, e as empresas teñen todo o dereito a presentarse”. O ministro non fechou por completo a porta dos fondos europeos a Altri, e tampouco o fixo ao ser preguntado por posíbeis liñas de subvencións para alcanzar os 220 millóns de euros restantes que demanda. “Hoxe falamos do Perte da descarbonización”, sentenciou.

Vías abertas para obter financiamento público

A do Perte da descarbonización é a primeira resposta negativa en firme que recibe Altri sobre os fondos públicos que reclama para o seu proxecto, se ben a compañía insistiu esta cuarta en que traballa noutras liñas de financiamento público para a macrocelulosa e "na identificación doutros instrumentos de financiamento público xa utilizados anteriormente polo Goberno de España para outros proxectos industriais”.

A pasteira lusa anunciou recentemente que está a explorar esta vía de financiamento directo, alegando casos como o de abril de 2023, cando o Consello de Ministros deu luz verde, co visto e prace da Comisión Europea, a unha axuda de 450 millóns de euros para un proxecto de Arcelor en Xixón (Asturias) para unha planta de redución directa de mineral de ferro para a produción de aceiro con hidróxeno renovábel.

Tamén existe a posibilidade de que, entre as vías alternativas de financiamento público, a empresa presente o seu proxecto en Palas de Rei para unha convocatoria competitiva dos Proxectos importantes de interese común europeo (Piice). O Ministerio de Industria non fechou a porta a estoutras alternativas ás que pode optar a empresa portuguesa.

"Altri non descarboniza"

O catedrático e doutor en Bioloxía Ramón Varela, pioneiro do ecoloxismo galego, ex presidente de Adega e cuxa tese doutoral tratou sobre a contaminación atmosférica na Galiza, valorou esta cuarta como “positivo” o primeiro pronunciamento do Goberno español en relación coa pasteira, aínda que considera “escandaloso” que se acepte a tramitación dun proxecto que recoñece que vai xerar 100.000 toneladas de CO2 anuais que, segundo estima Varela, “chegaría até 800.000 toneladas contabilizando as emisións indirectas, difusas e bioxénicas” da factoría de Palas de Rei.

Cos datos do proxecto na man e tendo en conta o seu potencial impacto, o biólogo asegura que “nin sequera se debería entrar a valorar” o proxecto no marco dos fondos europeos para a descarbonización. Critica tamén que a Xunta da Galiza emitise xa unha DIA favorábel “cando nin sequera coñecemos os informes” nos que se sustentou, e apunta que "todo parece indicar que a empresa seguirá nas súas trece, mesmo sen subvencións". "O proxecto segue para adiante, con ou sen axudas públicas", augura.

Forte contestación social

O anuncio do Ministerio de Industria chega após máis dun ano de grandes mobilizacións sociais contra un proxecto que desde o primeiro intre estivo no punto de mira tanto do movemento ecoloxista como da veciñanza afectada e dos sectores produtivos, como o da ría de Arousa, que poderían sufrir as consecuencias da actividade da pasteira na Ulloa e no río Ulla. O propio Hereu admitiu que a celulosa de Altri é unha iniciativa suxeita "a un gran debate social e político", ao tempo que lembrou que na Galiza case un cento de empresas recibiron fondos de distintos Perte por un importe total superior aos 160 millóns de euros.

Optimismo moderado entre os colectivos opostos á celulosa

O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, considera, en conversa con este xornal, "positiva" a exclusión de Altri do Perte de descarbonización, e demanda ao Ministerio de Industria que "faga públicos" os criterios técnicos valorados na resolución "para dar transparencia a todo o proxecto, a transparencia que a Xunta da Galiza se nega a dar". Rubido lembra tamén que até o momento "tampouco sabemos a implicación para as arcas públicas da Galiza do proxecto de Altri, porque a Xunta se nega a facer público o memorando de entendemento entre a empresa e Impulsa Galiza", a pesar de que o propio Consello de Contas vén de demandar "transparencia" nesta sociedade público-privada.

En calquera caso, celebra que o anuncio de Industria "consolida a mobilización social" que protagonizou nos últimos meses a resposta ao proxecto de Altri, ao tempo que advirte: "Seguimos adiante".

A voceira de Ulloa Viva, Zeltia Laya, destaca que a plataforma vén alertando desde hai meses de que a celulosa que tramita Altri "non cumpre o principio DNSH (Do No Significant Harm; Non Causar Danos Significativos, en inglés) para obter axudas" para a descarbonización. Mais tamén avoga pola cautela: "Seguimos alerta diante do que vén e temos accións convocadas para deixar moi claro que nin 30 nin 250 millóns". A activista lembra que o CEO de Altri, José Soares de Pina, afirmara que "non se ían implantar nun territorio onde non os queren e sen cartos públicos".

O portavoz de Santiso Vivo, Serxio Núñez, sinala que "é moi complexo xustificar que un proxecto cun estudo de impacto ambiental (EIA) que non menciona nada sobre a súa pegada de carbono poida acceder a estes fondos". Considera que o anuncio do Ministerio é "unha boa nova", pero advirte de que "aínda queda moito treito por percorrer, porque para o proxecto [Altri] segue pedindo 220 millóns de euros dos Piice (Proxectos Importantes de Interese Común Europeo)".

BNG, Sumar e Podemos piden excluír a pasteira de calquera axuda pública

A confirmación do Ministerio de Industria de que a resolución do Perte de descarbonización deixaba fóra o proxecto de Altri provocou esta cuarta numerosas reaccións. Desde o Congreso, o deputado do BNG, Néstor Rego, cualificábao como “unha moi boa noticia”, se ben advertía de que a súa formación “seguirá presionando" para que a pasteira non ningunha outra liña de financiamento pública. O propio Rego deixou claro no Congreso que para o BNG a concesión de fondos públicos a Altri era “unha liña vermella” dentro do pacto de investidura de Pedro Sánchez, e nesa liña mostrouse convencido de que “o rexeitamento masivo do pobo galego será capaz de tombar Altri”.

Tamén o valorou o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López: "Celebramos que empece a aclararse a postura do Ministerio e que denegue axudas para unha industria moi contaminante”. López asegurou que “está claro que fai máis pola Galiza o Goberno do Estado de Sumar que a Xunta de Rueda”. A cabeza visíbel da formación e  vicepresidenta do Executivo, Yolanda Díaz, foi a primeira en afirmar que non aceptaría un proxecto "que poña en risco a poboación, a natureza, o noso ecosistema ou a vida mesma".

A coordinadora nacional de Podemos Galicia, Isabel Faraldo, atribuíu “á presión social” a noticia, e matizou que “non debemos baixar a garda e debemos seguir presionando”. "O PP usará todos os medios ao seu alcance para entregar os nosos recursos naturais á pasteira”, dixo, polo que chamou a continuar coas mobilizacións.

Na liña oposta, a conselleira de Economía, a popular María Jesús Lourenzá, trasladou a súa "decepción" pola "pouca seriedade e pouca tecnicidade" do Goberno español nunha distribución de fondos europeos que cre que se realizou cun afán "claramente político".