Chaman a pendurar mandís nas xanelas para simbolizar que o traballo doméstico tamén vai á folga
Baixo a consigna “Nós producimos, nós paramos” a Secretaría das Mulleres da CUT chama a que “cada muller e cada home amose, colgando un mandil da súa fiestra, que no interior dos fogares os coidados tamén han de parar para denunciar as políticas antisociais que están a recortar as nosas posibilidades dunha vida digna e con liberdade”, explican.
Desde o sindicato sinalan que “o traballo doméstico ou de coidados é imprescindíbel para a subsistencia e o benestar das persoas”. “Sen esas actividades, que historicamente desenvolvemos as mulleres, debido a un inxusto reparto do traballo, non sería posible sacar adiante ás crianzas nin manter a saúde e a vida de maiores e adultos” acrecentan. Porén, denuncian que a pesar da importancia desas tarefas ese traballo fica invisibilizado e non se valoriza socialmente. Aliás, critican que os recortes en política sociais están a “desviar cara as mulleres a presión asistencial”.