Centos de empresas son afectadas polo bloqueo de IP de LaLiga e Telefónica sen chegar a sabelo: esta é a maneira de comprobalo

Seareiros e seareiras seguindo a retransmisión dun partido do Real Club Celta na súa sede en Vigo. (Foto: RC Celta)
LaLiga e Movistar están bloqueando enderezos IP no medio da súa estratexia para loitar contra a pirataría, nunhas accións que están tendo danos colaterais, pois webs de diversas institucións, empresas e proxectos están caendo sen teren nada a ver coas actividades ilegais que están sendo perseguidas. 

Varios sitios webs da Galiza –e do resto do Estado español– víronse  afectados polo bloqueo de páxinas web por parte de Telefónica e Laliga, entre elas, segundo confirmaron profesionais da informática a Nós Diario, a páxina da candidatura da Ribeira Sacra á listaxe do patrimonio mundial, a revista galega de teatro Erregueté, a aplicación de monitorización da actividade no pádel Padelio, Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas ou o diario dixital do ámbito da Costa da Morte Quepasanacosta. A nivel estatal, a afectación chegou mesmo a institucións como a Real Academia Española (RAE).

O director executivo (CEO) da ourensá Openhost, David Martínez, afirma en conversa con Nós Diario que a incidencia desta problemática "foi dunha gran magnitude". "O problema é que se bloquearon rangos enteiros de enderezos IP a través dun CDN [rede de distribución de contidos] como Cloudflare para impedir o acceso a webs 'piratas' de streaming de fútbol. Mais fíxose de forma descontrolada e afectou miles e miles de webs lexítimas. Desde comercios en liña a sitios corporativos ou medios de comunicación víronse prexudicados", asevera.

David Martínez, CEO de Openhost: "Dunha forma ou doutra, a maioría de usuarias da Galiza víronse afectadas polo bloqueo de páxinas web"

"Agora que sabemos ao que nos enfrontamos, a única solución é estar preparados. Traballamos con catro provedores de CDN, con servizos similares a Cloudflare, de forma simultánea. Desta forma, no caso de que algunha das nosas webs se vexa afectada polos bloqueos, podemos desviar o tráfico automaticamente  para que poida seguir funcionando con normalidade", afirma Martínez. "Máis alá de precisar casos concretos, si que se sabe que os bloqueos afectaron usuarios de todos os operadores como Movistar, O2, Digi… E, por tanto, pode asegurarse que, dunha forma ou outra, a maioría dos usuarios da Galiza víronse afectados", sinala.

Neste contexto, RootedCON, organizador dun dos congresos de ciberseguridade máis importantes do Estado, anunciou que recorrerá ante o Tribunal Constitucional a sentenza que permite o bloqueo de webs, ao entender que as medidas adoptadas, "sen transparencia, sen proporcionalidade e sen garantías adecuadas", representan "un precedente extremadamente perigoso para os dereitos dixitais da cidadanía e o ecosistema tecnolóxico".

"Vémonos obrigados a dar o seguinte paso, a presentación dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional", sinalou a entidade de ciberseguridade, que asegura que esgotou todas as vías legais "para facer entender ao xuíz que a súa decisión de bloquear páxinas web e restrinxir o acceso a usuarios lexítimos representa unha grave anomalía nun Estado democrático".

Previamente, o Xulgado do Mercantil número 6 de Barcelona desestimaba –o 26 de marzo– integramente as solicitudes de nulidade de actuacións presentadas por Cloudflare e RootedCON, entre outros, contra a sentenza firme ditada o 18 de decembro de 2024, que permitía o bloqueo de IP. "Esta resolución xudicial ignora de maneira sorpresiva os argumentos expostos nos nosos recursos, nos que faciamos referencia directa aos dereitos fundamentais á tutela xudicial efectiva e ás liberdades de expresión e información, amparados pola Constitución", dixo RootedCON.

RootedCON, en liña co deputado Néstor Rego, exixe un debate público no Cámara Baixa

A negativa do xuíz a valorar estes dereitos elementais, engadiu a entidade, "deixa en evidencia unha preocupante deriva autoritaria no uso de medidas xudiciais para censurar e criminalizar o acceso a internet baixo pretextos difusos e xeneralistas". Por iso, no recurso de amparo, solicitou medidas cautelares para frear "o constante acoso que sofren tanto empresas como usuarios" no Estado español, e exixiu ao Congreso "un debate público e técnico sobre os límites do control na rede", seguindo a senda da iniciativa proposta polo deputado de BNG, Néstor Rego.

Rego exixe ao Goberno español "pór freo" ás prácticas "abusivas e sen control" que realizan LaLiga e Movistar co "pretexto de combater a pirataría". O deputado do BNG detallou que eses "bloqueos indiscriminados" causan a "caída" de páxinas web lícitas e legais. A situación, dixo, provoca "verdadeiros apagamentos dixitais", desde páxinas persoais até servizos e negocios.

Brais Pérez di que hai moitas máis afectadas das que agora se coñecen

A sentenza do xulgado de Barcelona estabelece que este tipo de actuacións non deben afectar terceiros, mais "si que está a afectar", sinalou. "O Goberno debe de tomar cartas no asunto", segundo concluíu o nacionalista.

Brais Pérez, CEO da compostelá Soluciones Software, explica que ten constancia de varias empresas que se viron ou que se están a ver afectadas polo bloqueo de IP por parte de Movistar e LaLiga. Porén, sinala a Nós Diario que, con seguridade, "hai bastantes máis e moitas probabelmente nin se deron conta salvo pola baixada de visitas e facturación".

Brais Pérez, CEO de Soluciones Software: "O peor é que agora Javier Tebas tamén quere pór o foco sobre as VPN, as redes privadas virtuais"

"O peor é que agora Javier Tebas [o presidente de LaLiga] tamén quere pór o foco contra os VPN", salienta Pérez. Isto implicaría a intromisión sobre redes privadas virtuais, xa que esta é a tecnoloxía que permite unha conexión entre ordenadores, por exemplo para que o persoal técnico acceda en remoto a unha computadora para dar soporte.

Unha web na que comprobar os sitios que están afectados

Ubaldo Cerqueiro, director do xornal Quepasanacosta, comenta con Nós Diario a afectación do bloqueo da IP sobre este medio. "Lembro aquel día, tiven problemas para acceder ao manager do diario desde primeira hora. Ao cabo dun tempo avisei á empresas fornecedora do servizo, a ourensá Openhost, e desde soporte respondían que a incidencia estaba relacionada con estes bloqueos indiscriminados", explica. "Quedei sorprendido pola resposta, non entendo como unha entidade privada pode repercutir tan negativamente en centos de milleiros de autónomos e proxectos. Nós non puidemos actualizar a web durante media xornada, nun momento de máxima audiencia", di Cerqueiro.

Ubaldo Cerqueiro, director de 'Quepasanacosta': "Non entendo como unha entidade privada pode afectar tanto centos de miles de autónomos e de proxectos"

Hai agora fútbol?

Un buscador permite comprobar a incidencia dos bloqueos sobre os diferentes dominios de internet. Así, pódese comprobar que páxinas web foron vítimas en https://hayahora.futbol/#comprobador. "Hai agora fútbol? Non. Mais cando o hai, centos de webs lexítimas están inaccesíbeis", salienta o sitio. "Este bloqueo afecta páxinas web, negocios, empresas, institucións e particulares", engade a web, "e non só a catro frikis", salienta, facendo mención a unhas declaracións nas que o presidente de LaLiga, Javier Tebas, trababa de restar importancia ao problema.