Caravana polo emprego exixe o mantemento de Cementos Cosmos

Caravana Cementos Cosmos
Centos de vehículos participaron este sábado nunha mobilización en Sarria na defensa dos postos de traballo na cementeira Cosmos.

 

Máis de de seis ducias de camións e centos de automóbiles particulares secundaron este sábado a mobilización convocada en solidariedade cos traballadores e traballadoras de Cementos Cosmos, a factoría situada no Oural que prevé aplicar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e mesmo fechar a industria o vindeiro mes de marzo.

A caravana partiu do Oural e percorreu máis de doce quilómetros entre as localidades de Sarria e Nadela para voltar de novo á factoría aravesando a estrada LU-546. @s traballadores/as, que iniciaron o calendario de mobilizacións o pasado mes de novembro, exixen o mantemento da actividade da factoría pois aseguran teren capacidade e mercado para continuar coa produción, porén denuncian que outra industria --pertencente ao mesmo grupo empresarial situada no Bierzo, está a ser a responsábel da redución nas vendas ao distribuír o cemento no mercado galego.

Aliás, o pasado dia 30 de novembro máis de 2000 persoas participaron nunha manifestación histórica na vila de Sarria na que exixiron o mantemento dos seus postos de traballo e dunha industria cementeira --a única en Galiza-- que serve de dinamizador para a economía da comarca.