Cales son os produtos que máis encareceron?
A taxa da inflación rexistrou unha repunta de 1,8% en outubro con respecto ao mesmo mes do ano anterior tanto na Galiza como no conxunto do Estado español. Pola súa parte, na comparanza mensual, o incremento dos prezos foi maior a nivel galego (+0,8%) que estatal (+0,6%). Así, o índice de prezos de consumo (IPC) experimentou un aumento interanual maior que o de setembro (+1,3%) na Galiza. Con todo, esta taxa xeral segue situándose por baixo do obxectivo de 2% marcado polo Banco Central Europeo (BCE).
Os prezos aumentaron na Galiza 1,8% en outubro con respecto ao mesmo mes do ano anterior, segundo os datos do índice de prezos de consumo (IPC) publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Desta maneira, a taxa interanual da inflación marcou o mesmo rexistro que no conxunto do Estado español.
A taxa interanual volve así aumentar tras o seu descenso no mes anterior, cando pasou do rexistro de 2,3% en agosto ao de 1,3% en setembro. Ademais, na comparanza co mes de setembro, a alza de custos foi de 0,8%, dúas décimas porcentuais por riba da estatal, de 0,6%.
A suba dos prezos en outubro de 0,8% respecto a setembro supón a maior alza mensual na Galiza desde o pasado mes de abril, cando o IPC aumentou na mesma medida, e o maior incremento nun mes de outubro desde 2021, cando o encarecemento alcanzaba 1,8% tan só nun mes.
Autonomías
En outubro, as taxas interanuais máis elevadas do IPC entre autonomías presentáronas Euskadi (+2,3%) e Aragón (+2,2%), así como Asturias, Catalunya e Madrid (+2% no caso destas tres). No lado contrario situouse Castela-A Mancha (+1,4%), así como Murcia, Castela e León, Andalucía, Canarias e Cantabria (+1,5% no caso destas cinco).
En termos mensuais, a inflación tamén aumentou en todas as autonomías, con Estremadura (+1,2%), Nafarroa (+1%) e Aragón (+0,9%) rexistrando as maiores subas, e Illes Balears (+0,2%) e Catalunya (+0,4%) experimentando as menores.
Por debaixo de 2%
O Ministerio español de Economía, Comercio e Empresa, que lidera Carlos Cuerpo, destacou esta quinta feira que, a pesar do seu incremento, a inflación interanual mantense por baixo do nivel de referencia de 2% fixado polo Banco Central Europeo (BCE).
Alén diso, a inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) avanzou unha décima porcentual en outubro, marcando 2,5%, sete décimas porcentuais por encima da taxa xeral de suba de prezos.
Ascensos e descensos
Restaurantes e hoteis (+4,4%) rexistrou a maior repunta interanual dos prezos na Galiza no décimo mes do ano. A continuación situáronse vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis (+3,5), así como lecer e cultura (+3,5%). Pola súa parte, tanto transportes (-2,8%) como comunicacións (-0,1%) rexistraron un descenso dos custos. Ademais, no caso de alimentos e bebidas non alcólicas, o incremento con respecto ao mesmo mes do ano 2023 foi de 2%.
En termos mensuais, vestimenta e calzado rexistrou o maior encarecemento, de 10,3%. Pola contra, baixaron os prezos en comunicacións (-1%), restaurantes e hoteis (-0,6%), bebidas alcólicas e tabaco (-0,3%) e sanidade (-0,2%). O apartado de alimentos e bebidas non alcólicas marcou un aumento de 1,4%.
Chocolate e transporte marítimo de viaxeiras
O INE ofrece os datos desagregados para os produtos e servizos analizados, neste caso sen rexistros para Galiza. Neste sentido, o transporte de viaxeiras por mar (+40,2%) e o chocolate (+21,2%) foron os apartados que máis subiron de prezo con respecto a outubro de 2023. Así mesmo, tamén destacaron os incrementos da xoiaría e bixutaría (+15,5%), dos paquetes turísticos a nivel estatal (+15,1%), dos zumes de furtas e vexetais (+14,8%), da carne de ovino e caprino (+11,1%), dos hidrocarburos licuados (+10,4%), do cacao e o chocolate en po (+10,1%), dos seguros de vehículos de motor (+10%), dos seguros privados de saúde (+9,5%), das patacas (+8,8%), así como do gas natural e gas cidade (+8,5%).
O custo dos seguros privados de saúde ascendeu 9,5% respecto ao prezo que tiñan 12 meses atrás
Ao tempo, o aceite de oliva rexistrou en outubro un aumento interanual dos seus prezos de 4,2%, co que acumula desde xaneiro de 2021 unha suba de 163%. Ademais, os maiores descensos de custos foron o dos combustíbeis líquidos (-22,3%), o do gasóleo (-15,7%), o dos equipos de telefonía móbil (-11,8%) e o da gasolina (-9,5%).
Vestimenta e calzado
En termos mensuais, a vestimenta foi o que máis encareceu, tanto a roupa de muller (+9,7%), como a de home (+9,3%) e a de crianzas (+9,2%), así como as outras pezas de vestir (+15,2%). Tamén foi alta a suba no calzado, especialmente no de crianzas (+6,5%) e o no de muller (+6%).
Destacou, así mesmo, a alza de prezos das froitas frescas ou refrixeradas (7,8%) e dos legumes e hortalizas frescas ou refrixeradas (6,9%). O aceite de oliva encareceu 0,1% con respecto a setembro, rompendo unha xeira de catro meses de abaratamento mensual. Na parte contraria, as maiores caídas de prezos foron a dos hoteis, hostais, pensións e servizos de aloxamento similares (-5,9%) e a dos paquetes turísticos a nivel estatal (-5,5%).
O Euribor baixa a 2,4%
O Euribor, índice de referencia para as hipotecas variábeis na Galiza, prosegue a súa tendencia á baixa e xa se situou en 2,494%, en mínimos desde principios de outubro de 2022. No que vai de mes, pasou de estar na taxa de 2,629% que marcou o 1 de novembro á de 2,494% na xornada desta quinta feira. Co nivel actual do indicador, unha persoa que teña contratada unha hipoteca variábel de 150.000 euros a 30 anos cun diferencial de 0,99% máis Euríbor e teña que revisar a súa cota rexistraría un descenso de ao redor de 126 euros no prezo mensual se a revisión é anual. No caso de tratarse dun préstamo con revisión semestral, o aforro sería de 95 euros.
Combustíbel
O prezo do gasóleo volveu experimentar unha repunta esta semana, cun incremento de 0,57%, mentres que o da gasolina mantívose estábel, despois de que a semana pasada cortasen cunha xeira de tres semanas consecutivas de subas. En concreto, o prezo medio do litro de gasolina situouse nos 1,504 euros, tras descender o seu custo apenas 0,033% con respecto a hai sete días, segundo os datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea. Respecto ao diésel, o prezo medio do litro estabeleceuse nos 1,399 euros, encarecendo 0,57% con respecto aos 1,391 euros aos que baixou a pasada semana.
O prezo da luz marca máximo anual
O prezo medio da electricidade no mercado almacenista marca esta sexta feira un novo máximo anual diario, situándose nos 124,55 euros por megawatt hora (MWh). En concreto, ao longo do día todas as horas se situarán por encima da barreira dos 100 euros/MWh, cun máximo de 147,22 euros/MWh entre as 8 e as 9 horas e un mínimo de 104,05 euros/MWh entre as 3 e as 4 horas, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Operador do Mercado Ibérico da Electricidade (OMIE). Desta maneira, con esa media de 124,55 euros/MWh na xornada, o prezo no mercado almacenista da electricidade bate os 120,37 euros/MWh que marcou o pasado 29 de agosto como máximo para un día neste 2024. No que vai de mes de novembro, a media do prezo sitúase nos 100 euros/MWh, fronte aos 68,5 euros/MWh de outubro.