Cal será o crecemento económico galego en 2025? BBVA Research publica novas previsións

A conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá. (Foto: Europa Press)
O servizo de estudos alerta de que persisten algúns riscos sobre o escenario que poderían limitar o crecemento futuro. Un deles é a incerteza xerada por un posíbel incremento dos aranceis nos Estados Unidos, que podería afectar as exportacións.

A previsión de crecemento do produto interior bruto (PIB) para Galiza en 2025 é de 2,6%, dúas décimas porcentuais por baixo da media do conxunto do Estado español, segundo o Observatorio rexional do primeiro trimestre do ano, publicado esta cuarta feira por BBVA Research.

Ademais, o prognóstico para 2026 do servizo de estudos de BBVA é que a economía galega sufra unha desaceleración do crecemento, cun aumento do PIB de 1,7%, unha décima porcentual menos do ascenso esperado para o conxunto estatal.

Desta maneira, as previsións melloran para Galiza, posto que o prognóstico de alza do PIB en 2025 supera en dúas décimas porcentuais (pasa de 2,4% a 2,6%) a do anterior observatorio. Con todo, a elevación das expectativas é maior a nivel estatal, de cinco décimas porcentuais (pasa de 2,3% a 2,8%).

Así, BBVA Research revisou á alza as estimacións de crecemento do PIB en 2025 en case todas as comunidades autónomas –coa excepción de Castelá-A Mancha e Estremadura–, tendo en conta que a perspectiva da entidade para o crecemento do PIB do conxunto do Estado este ano é de 2,8%.

Máis en concreto, Canarias, Illes Balears e País Valencià liderarán neste exercicio o crecemento do PIB entre as autonomías, cunha evolución superior a 3%. Pola contra, Castelá e León, Asturias, Cantabria e Aragón, cun ascenso lixeiramente inferior a 2,5%, rexistrarán os menores incrementos.

Neste sentido, o menor peso do sector servizos e a perda de forza das exportacións de bens –á espera de posíbeis cambios na política fiscal da Unión Europea (UE)– lastrarán o avance de economías como a galega.

Aranceis e exportacións

Neste contexto, BBVA Research alerta de que persisten algúns riscos sobre o escenario que poderían limitar o crecemento futuro. Un deles é a incerteza xerada por un posíbel incremento dos aranceis nos Estados Unidos, que podería afectar as exportacións.

Aínda que espera que o impacto directo sexa menor que no resto da eurozona, debido á menor exposición das empresas á demanda estadounidense, as repercusións serán desiguais segundo os sectores. Concretamente, as vendas de maquinaria e equipo, de medicamentos, de automóbiles e de produtos alimentarios e bebidas serían as máis afectadas.