Caixa Rural Galega inaugura oficina en Viveiro

Intervención de Manuel Varela, presidente de Caixa Rural Galega, en Viveiro. (Foto: CRG)
O presidente da entidade destacou que a apertura das novas instalacións permitirán ofrecer un servizo áxil, personalizado e coa tecnoloxía máis avanzada, mais sempre coa proximidade e confianza que só unha entidade como Caixa Rural Galega pode proporcionar.

Caixa Rural Galega inaugurou esta segunda feira unha nova oficina en Viveiro, co obxectivo de ampliar a súa presencia na Mariña, así como completar a rede da provincia, sendo neste momento a localidade deste ámbito con maior poboación que non tiña unha oficina da entidade. Coa apertura desta oficina, á que os e as viveirenses xa se poden dirixir desde esta terza feira, Caixa Rural galega ten abertas 48 oficinas na Galiza, das cales 34 están na provincia de Lugo.

No acto inaugural, decorrido ás 19:30 da segunda feira, estiveron presentes, ademais de persoal da entidade e convidados da praza, a alcaldesa da localidade María Carme Gueimunde González, así como a Deputada da Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, e tamén alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno. O acto foi dirixido polo director xeral da entidade, Jesús Méndez, e fechou coa intervención do presidente da entidade Manuel Varela.

Interviñeron as dúas alcaldesas para felicitar á entidade polo paso dado e congratularse pola apertura da oficina, que representa o compromiso da entidade cunha vila mariñeira, de incomparábel beleza e dinamismo, do que a Caixa Rural Galega pretende ser motor, contribuíndo a impulsar todo o potencial que ten Viveiro e a súa comarca.

O presidente da entidade destacou que a apertura das novas instalacións permitirán ofrecer un servizo áxil, personalizado e coa tecnoloxía máis avanzada, mais sempre coa proximidade e confianza que só unha entidade como Caixa Rural Galega pode proporcionar. A entidade reafirma así o seu compromiso coa Galiza, co desenvolvemento rural e co apoio a familias, empresas e emprendedores que son os que fan medrar esta terra.

Fechou o acto transmitindo ánimo e confianza ao equipo humano e lembrando que as portas da nova oficina de Viveiro se abren co mesmo espírito co que se fundou a entidade de cooperación, axuda mutua e desenvolvemento da Galiza.