O Bloque defende a intervención pública na economía através da creación dunha Corporación industrial galega

Carme Adán e Francisco Jorquera

A organización frontista presentou unha Proposición de lei na que defende a creación dun Instituto de crédito e dunha corporación industrial galega coa que, din, se podería "evitar a destrución de medios de produción industrial" nos sectores económicos básicos.

 

A proposta do BNG componse de dúas medidas fundamentais: a creación dun Instituto Galego de Crédito e dunha Corporación Industrial Pública Galega. O seu obxectivo frear a destrución do tecido industrial galego face un dos principais factores que impiden a reactivación económica de Galiza: "a falta de crédito" --segundo recolle un recente informe publicado polo Colexio de Economistas. "E mentres isto acontece", indican, "os bancos teñen un volume de depósitos superior en 5.000 millóns de euros ao crédito que destinan a familias e empresas galegas"

A iniciativa presentada pola organización frentista visa, neste senso, "financiar" e "desenvolver os diferentes sectores produtivos" ao tempo que "reordenar o sistema financeiro galego", subliñaron a voceira de Industria, Carme Adán, e o portavoz do grupo parlamentar, Francisco Jorquera. E é que desde que estourou a crise económica, en 2008, o noso país incrementou a taxa de desemprego nun 70% sendo un dos sectores máis antixidos o industrial. Aliás, "hai 200.000 cotizantes menos na Seguridade Social". Unha realidade que reflicten ben comarcas como Vigo ou Ferrolterra onde o desmantelamento do tecido industial está a pór en xaque a actividade económica das cidades, e non só. 

Competencias recoñecidas no Estatuto
Perante esta situación, @s nacionalistas apostan en pular pola intervención da administración pública na economía de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía lle concede á Xunta de Galiza como o "fomento e planificación da actividade económica" (artigo 30.1), a capacidade de constituír "institucións de crédito corporativo, público e tterritorial" (artigo 30.5) ou a creación de "empresas públicas como medio de execución" das devanditas funcións (artigo 55.2). 

A iniciativa visa promover as actividades económicas que contribúan ao desenvolvemento de Galiza

Así, a Proposición de Lei rexistrada polo BNG componse fundamentalmente de dúas medidas: a creación dun Instituto galego de crédito e dunha Corporación industrial galega. Dúas ferramentas coas que dirixir a intervención pública. Entre os seus obxectivos están a promoción daquelas actividades económicas que contribúan ao desenvolvemento e aumento da riqueza de Galiza, a participación ou concesión directa de créditos ás empresas e emprendedores, reducir os custes na xestión dos recursos financeiros e operacións de crédito, así como contribuír a xerar unha nova dinámica ao conxunto do sistema financeiro galego, "reforzando a aposta nunha economía produtiva, innovadora, creadora de emprego e sustentábel", recolle a PL nacionalista. 

Un Instituto de crédito fronte un IGAPE "zombi"
Neste senso, propoñen que o Instituto de crédito actúe de maneira semellante ao ICO español. Esta entidade tería un carácter público e contaría "cunha configuración financeira capaz de asumir a participación e concesión de créditos a maior escala que o actual IGAPE". Pois, para o BNG este organismo "é un zombi que non serve para dinamizar a economía galega" e que, asemade, "ten débedas importantes" e "na actualidade menos orzamento", criticaron. Através desta ferramenta, que tildan como "chave" para actuar como "unha banca pública indirecta" a organización frontista insta a Xunta a fornecer de crédito as empresas do país que pasarían a estaren participadas polo goberno galego e integrarían a segunda das medidas: a Corporación industrial. 

A Corporación industrial estaría integrada por empresas públicas ou por aquelas que foron participadas con diñeiro público

Estoutra ferramenta "será a encargada de desenvolver as accións necesarias para a satisfacción dos obxectivos" previstos para o Instituto de crédito. A Corporación pública estaría constituída e participada por "todas as empresas públicas e participacións en sociedades mercantís das que sexa titular a Xunta" e máis "as entidades do sector público autonómico", "centros de traballo de empresas públicas" e aqueloutras que fosen transferidas polo Estado. 

Con este novo organismo o executivo galego podería intervir, din @s nacionalistas, "de maneira acaída" nos sectores económicos básicos e dirixir "toda a acción" que a Xunta desenvolva á fin de "asegurar a viabilidade daquelas empresas privadas ou con participación pública que operando en sectores de alcance estratéxico atravesen serias dificultades", indicaron. 

A proposta será debatida nas vindeiras semanas polo Parlamento de Galiza mais todo apunta a que o Partido Popular rexeitará máis unha vez a iniciativa.