Blackstone desembarca na Galiza
O fondo de capital risco Blackstone desembarca na Galiza como xigante inmobiliario e pasará a xestionar centos de bens por un valor conxunto duns 1.200 millóns de euros. O sector inmobiliario galego encaixa o golpe e comeza a manobrar consciente da mutación que pode sufrir o mercado coa chegada dos estadounidenses.
A comezos de agosto o Banco Santander anunciaba que vendía o 51% do negocio inmobiliario do recentemente adquirido Banco Popular a Blackstone, no que era unha das maiores operacións inmobiliarias no Estado español. Na venda ía incluído o 100% do capital de Aliseda, a xestora inmobiliaria do Popular. Con esta operación, o fondo de capital risco estadounidense facíase con 1.200 millóns de euros en activos adxudicados na Galiza. Blackstone pasa a ser un dos actores principais do sector inmobiliario no país, canda Abanca e Sareb, o banco malo.
O primeiro investidor estranxeiro en tixolo no Estado español xestionará a carteira de Aliseda, que posúe máis de 7.600 propiedades na Galiza. É unha lista non pequena que abrangue desde naves industriais de máis dun millón de euros a medio millar de vivendas, pasando por solares, hoteis, locais comerciais ou fincas sen urbanizar. Repartidos por toda Galiza, estes bens proceden dos investimentos realizados no seu momento polos Banco Pastor e Popular, moi activos no mercado galego.
Blackstone pasa a ser un dos principais actores inmobiliarios na Galiza, canda Abanca e a Sareb
Que engole?
Blackstone aproveitou a xanela que lle abría a crise económica e o estoupido da burbulla inmobiliaria para entrar no Estado español, onde abriu a súa primeira oficina en 2014, se ben xa viña operando con anterioridade. Entre 2013 e 2014 destinou perto de 4 mil millóns de euros a adquirir vivendas no Estado español. Coa operación selada co Banco Santander, desembarca nun mercado tan apetecíbel como é o galego. Unha irrupción na que tivo un papel destacado un fondo voitre.
[A íntegra desta reportaxe, unha dupla páxina, aparece no Sermos Galiza número 262, disponíbel na nosa loxa e tamén nos pontos de venda habituais]