Unha batalla pola viabilidade no sector electrointensivo
A industria electrointensiva está con pé e medio nunha crise que cuestiona o seu futuro. Na Galiza, a viabilidade deste sector -unha ducia de empresas e cinco mil empregos directos- remite en certa medida ao debate sobre a capacidade de decidir sobre a enerxía xerada aquí. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 334 de Sermos Galiza.
O sector electrointensivo compóñeno aquelas industrias que teñen un alto consumo enerxético, que pode representar até máis de 50% dos seus custos de produción. Na Galiza son, no principal, por volta dunha ducia de industrias: tres grupos galegos (Finsa, Megasa, Tojeiro) e compañías con plantas produtivas na Galiza (Ferroatlántica, Celsa Atlantic, SLG Carbón, Celsa...)
Estes nomes de empresas estaban no xérmolo dun lobby de empresas electrointensivas no que estaba xogando as cartas a Xunta e que procuraban un estatuto específico para o sector. Mantiveron xuntanzas a finais do ano pasado mais a día de hoxe pouco callou que se concretase en resultados.
“O sector electrointensivo está nunha grave crise”, advirten desde a CIG, a central con forza nesta rama de actividade, unha industria baixo a ameaza de “feche de empresas e de destrución de empregos”.
Economistas como Adrián Dios salientan a importancia de Galiza ser unha produtora de enerxía á hora de termar da industria. “Ter enerxía é unha vantaxe competitiva a aproveitar”.
Inicio
As reformas do sector eléctrico aprobadas polo goberno do Partido Popular en 2013 alteraron o escenario da industria electrointensiva. Implántase unha poxa de interrompibilidade que na práctica é, en palabras de Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario de CIG-Industria, unha “ruleta rusa”. Esta medida, mantén, fomenta a competencia desleal entre empresas do mesmo sector produtivo, outorgando prezos de electricidade moi dispares e cuxas consecuencias máis graves tradúcense no que acontece en Alcoa e Ferroatlántica.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 334 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]