Aumenta a tensión entre Uruguai e o estaleiro vigués Cardama

Estaleiro de Cardama en Vigo. (Foto: Cardama)
Desde o estaleiro vigués insisten en que continúan os traballos na fabricación das dúas patrulleiras encargadas polo Goberno uruguaio: "Nós continuamos co contrato e facemos barcos, que é o que sabemos facer". 

As relacións entre o Goberno do Uruguai e o estaleiro vigués Cardama a respecto do contrato para a construción nas instalacións de Bouzas (Vigo) de dúas patrulleiras oceánicas por importe de 82,2 millóns de euros segue a escalar en tensión.

O Goberno uruguaio, que preside Yamandú Orsi, presentou xa unha demanda penal contra a empresa galega diante da Fiscalía Especializada en Delitos Económicos e Complexos de Uruguai. A ampliación desa demanda, formalizada agora, obedece a un informe encargado a un notario de Madrid que supostamente conclúe que as copias da acta que Cardama entregou ao Ministerio de Defensa dentro da garantía de fiel cumprimento para a construción das dúas patrulleiras "son absolutamente falsas" e que "non foron expedidas por ningún notario". 

A ministra de Defensa uruguaia, Sandra Lazo, criticou en declaracións á televisión uruguaia que, "polos informes que nos chegan dos nosos representantes en España, entendemos que é unha situación que ten pouco diálogo" e limitou os contactos do seu departamento co estaleiro vigués a que "respondemos algunhas das notas que nos envía o empresario". Na situación actual, o Goberno uruguaio afirma que "hai unha negociación xurídica vixente co estaleiro galego e agárdase que os avogados de ambas as partes poidan chegar a un acordo a respecto dos pasos a seguir".

Atrasos nos prazos

Desde o Ministerio de Defensa de Uruguai declararon ademais á canle de televisión que os seus representantes no Estado español "transmitíronos que hai menos traballadores, que hai un traballo mínimo que ten que ver con algunhas das tarefas e non moito máis". Diante destas informacións, a ministra de Defensa asegurou que "seguramente os prazos non se cumpran porque xa nos anunciaron nunha nota que non se ían cumprir e aí entramos nunha situación contractual que imos dirimir seguramente nalgún ámbito", explicou Lazo.

Desde Cardama sinalaron a este xornal: "Nós continuamos co contrato e facemos barcos, que é o que sabemos facer". Fontes do estaleiro vigués insistiron a Nós Diario en que Cardama está a construír as dúas patrulleiras seguindo o compromiso contractual con Uruguai. "Continuamos co contrato e a nosa vontade é rematar os barcos", din.