Análise

Altri, o camiño cara a outra Revolta Irmandiña

A gran Finca Quintás, que quedará transformada en espazo industrial intromiso a beneficio de "Altri". (Foto: Antonio Presas)
Antonio Presas, xeógrafo e escritor.

A Galicia do século XV era moi diferente á Galicia actual, daquela a densidade de poboación, xa recuperada dos anteriores efectos de "peste bubónica" (1348), andaba polos 16 habitantes/Km2 que, nos nosos días sobrepasa os 91 habitantes/Km2, pero con todo iso, a finais da Idade Media tivo lugar un fenómeno de carácter político-social de ampla difusión en todo o territorio galaico, a Revolta Irmandiña.

A atípica Revolta Irmandiña

Foi una revolta atípica, non propia daqueles tempos, que puxo "patas arriba" a estrutura política e administrativa, máis ben por culpa da incapacidade da mesma que por causa da propia sublevación. O campesiñado e a incipiente burguesía urbana subleváronse, por dúas veces (primeira revolta en 1431 e segunda revolta entre 1466-1469), contra o poder nobiliario, desigualmente distribuído por Galicia e incapaz de manter unha orde social estable. O incipiente "terceiro estado" levántase contra a nobreza e destrúe o seu poder co asalto e desfeita de máis de 130 fortalezas, provocando a fuxida e refuxio dos señores locais en Portugal e no Reino de Castela.

A Crónica de Santa María de Iria recolle moi ben o sucedido: "Levantouse toda a terra con a Santa Irmandade, en tanto que nunca deixaron fortaleza en todo o reino de Galiza. Et esto foy por la maa vivenda dos cabaleiros que non facían senon furtar e roubar. Et por esto quiso noso Señor tornar polo seu poboo que era este reino de Galiza, todo destroido por la maa vivenda destes cabaleiros". Certamente a revolta terminou coa restitución do poder nobiliario e rexio sobre estas terras, pero o acontecido quedou como un exemplo premonitorio doutras revoltas posteriores, revoltas que, aínda mutadas, chegan ata os nosos días.

O comezo dunha revolta contra Altri

O acontecido na Ulloa, no céntrico corazón de Galicia, por causa da intromisión de Altri, vai camiño de converterse na "Revolta Irmandiña III", con diferentes protagonistas e causas, pero con efectos posiblemente similares e asimilables. Todo comezou porque, dunha forma parecida ao engano permanente establecido polo poder feudal sobre aquela sociedade tan desigual, o turbio e escurantista Goberno galego estableceu, non logo da "peste negra", senón despois da "pandemia da Covid-19" (pneumonía de Wuhan), un acordo de carácter segredo entre varias partes (acordo que se mantén segredo e ocultado actualmente) para introducir, nunha localización completamente inapropiada, unha macrocelulosa presentada, desde o inicio, como unha "gran fábrica verde" para transformar madeira de eucaliptos en fibra semiartificial, en "lyocell". Ese acordo de "tipo feudal", con estraños invitados e protagonistas semiocultos, foi o detonante de todos os males, porque é o froito dunha gran mentira e dunha farsa cómica protagonizada por actores especulativos coa ostentación de cargos públicos.

Altri non é só unha ameaza que se sustenta nun proxecto ambiguo de máis de 8.500 páxinas, concibido, unicamente, para legalizar a maior intromisión medio ambiental de todas cantas ten habido no interior de Galicia, senón tamén a imposición dun repudio amplamente contrariado por máis de 27.100 alegacións contra dito proxecto e diversas manifestacións multitudinarias en distintas partes de Galicia: en Palas de Rei, en Santiago (por tres veces), ría de Arousa, Marín-Pontevedra etc.

Altri xa tivo repercusión directa sobre o territorio, como é o trazado e construción dunha autovía desprazada ao límite sur da Rede Natura 2000 (Serra do Careón)

O pobo galego e non só o afectado directamente pola futura "peideira" da Vacariza (Palas de Rei, A Ulloa), levántase contra a tiranía da Xunta de Galicia, que avala turbiamente algo do seu propio interese, pero que non se corresponde coas necesidades do mesmo e que vai contra o seu propio interese. A "gran mentira", non materializada polo de agora xa tivo repercusión directa sobre o territorio afectado, como é o trazado e construción dunha autovía desprazada ao límite sur da Rede Natura 2000 (Serra do Careón), un espazo que, intencionadamente, non foi ampliado ata á marxe fluvial do río Ulla, para deixar vía libre á mesma e a localización do "complexo Altri" nun espazo de 366 ha. Por se todo isto fose pouco, tamén, se construíu unha entrada-saída incomprensible e illada á autovía á altura da Vacariza, para dar acceso a Altri e non para prestar servizo ao castelo de Pambre nin á parroquia de Leboreriro, pola que pasa o Camiño Francés, como enganosamente se dixo.

As grandes mentiras que manexa o Goberno galego, en complicidade con altos representantes do capitalismo, poñen en alerta e en "pé de guerra" a sociedade galega, que inicia un proceso de levantamento pacífico (comezo de III Revolta Irmandiña) contra ese mesmo goberno ao que se deberá remover, irremediablemente, na próxima convocatoria electoral. Nin Altri, nin Goberno galego do PP.