Alcoa deposita os cartos do investimento comprometido

A factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Foto: Europa Press/ Arquivo)
Alcoa deposita 103 millóns de dólares nunha conta compartida como garantía dos investimentos comprometidos co comité de San Cibrao.

Alcoa avanza no cumprimento do acordo acadado co persoal da planta de San Cibrao (Cervo). O presidente da multinacional norteamericana en España, Álvaro Dorado, trasladou aos traballadores e traballadoras da planta que "xa están dispoñíbeis nunha nova conta bancaria" os 103 millóns de dólares ─uns 90 millóns de euros ao cambio─ comprometidos para investimentos na factoría da Mariña.

Após coñecer este paso, o presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, saudou o depósito da multinacional, xa que é "a base" do acordo dos investimentos para realizar para a reactivación das cubas en 2024.

Segundo indicou, "facía falta que ese diñeiro estivese dispoñíbel" na conta que comparten tanto a empresa como o comité. Deste modo, estes fondos "iranse sacando segundo se fagan os investimentos".

"Vémolo como a parte principal do acordado. Agora falta que se desenvolvan o resto de pasos", engade  Zan, quen explicou que aínda falta que os enxeñeiros realicen os estudos e informes técnicos correspondentes para poder acometer os investimentos comprometidos no convenio, ratificado o pasado 29 de decembro.

Parada e rearranque 

Ese acordo contemplaba tamén a parada da actividade na electrólise, que segundo explicou a propia Alcoa no comunicado que lle remitiu aos traballadores e traballadoras, estase a realizar "con normalidade, seguridade e conforme ao programa", mentres que o presidente do comité engade que se está a levar a cabo de maneira "ordenada" e "con todos os programas que son necesarios para que o rearranque sexa o máis fácil e seguro posíbel".

Neste senso, Zan indicou que adiantar os prazos para activar de novo as cubas antes de 2024, data fixada pola empresa, "é posíbel", mais tamén sinalou que en aspectos como a subministración de enerxía "teñen que mollarse todas as administracións".

E é que Alcoa asinou en decembro senllos preacordos con Greenalia e Capital Energy para a subministración de enerxía durante 10 anos. Así, aínda que "non se pode arrincar toda a serie" de produción "de golpe", Zan ve posíble adiantar devanditos acordos enerxéticos para aplicalos "nunha parte".