Alcoa abre a posibilidade de vender a fábrica de aluminio e fechar a planta de alúmina a partir de 2027

Planta de Alcoa en San Cibrao vista desde o peirao de Morás, en Xove (A Mariña). (Foto: Antonio Herrera)
Fontes de Alcoa subliñan que "son previsións de escenarios" e que se estudan "varias posiblidades".

Alcoa expuxo dous escenarios para factoría de San Cibrao, no municipiode Cervo (A Mariña), a partir de 2027: "Continuar coa operación ou vender" a fábrica de aluminio, así como seguir ou "avaliar o fechamento" da planta de alúmina. Así se recolle nas posibilidades que expuxo a multinacional estadounidense nunha presentación realizada nunha xornada con investidores na que participou o presidente de Alcoa, William F. Oplinger.

Fontes de Alcoa subliñan que "son previsións de escenarios" e que se estudan "varias posiblidades", xa que "hai dúas opcións" para as plantas de aluminio e alúmina. Nesta exposición de Alcoa analízase a situación actual, na que se valora unhas "garantías razoábeis por por parte das autoridades".

Tamén se apunta a un reinicio de cubas con atraso que "compromete as finanzas, mais mantense o plan para neutralizar os impactos". Actualmente, avoga por "centrarse en reiniciar a fundición de forma segura, eficiente e rendíbel", do mesmo modo que "continuar avaliando como optimizar as operacións".

A curto prazo, a multinacional di que se centra "en neutralizar o impacto financeiro das operacións na Galiza para finais de 2027". Así, aposta por avanzar no investimento para un aumento da balsa de lodos, ademais de mellorar a rendibilidade de aluminio para "compensar as perdas" de alúmina.

Todo iso despois de que a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, se reunise a pasada quinta feira co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao para analizar o estado dos trámites pendentes entre a compañía e a Xunta da Galiza, e na que se urxiu a necesidade de convocar de inmediato o comité de seguimento.