Aira e o grupo García Baquero crean a marca 'Queixos de Galicia'

A conselleira con López Tellado e García Baquero (á dereita). (Foto: Xunta da Galiza / Europa Press).
O acordo entre ambas as dúas entidades afirman que "reforza a aposta pola innovación".

A cooperativa agrogandeira Aira, de Taboada (comarca de Chantada), e o grupo García Baquero selaron esta cuarta feira unha alianza "estratéxica" para producir queixos elaborados na Galiza.

O acordo, segundo destaca nun comunicado a cooperativa, "unirá a experiencia e o coñecemento na cadea de subministración por parte de Aira coa capacidade comercial e produtiva de García Baquero, garantindo así unha operación sostíbel, eficiente e de valor engadido para os socios, traballadores, consumidores e clientes de ambas as entidades". 

Con esta alianza crearase a marca 'Queixos de Galicia', que, afirman, "reforza a aposta e o compromiso por promover conxuntamente a elaboración, o desenvolvemento, a innovación e a internacionalización dos queixos galegos", incide. 

O acordo xerará "un impacto positivo para a economía local”, aseguran ambas as dúas empresas, “consolidando a marca de queixo galego e desenvolvendo novas tendencias innovadoras neste sector", agregan. 

As dúas entidades trasladaron a noticia nun encontro de traballo coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Ademais, entre outros, estiveron por parte da cooperativa Aira o seu presidente, José Manuel López Telaldo, e representando a García Baquero o seu conselleiro delegado, Miguel García Baquero.