O agro pide axudas e frear a especulación cos cereais para evitar o feche de granxas

Vacas nunha granxa (Nós Diario)
Fruga pide ás administracións que actúen para conter o impacto da suba de prezos nas granxas; do contrario, chamará á mobilización.

A Federación Rural Galega (Fruga) alerta de que os continuos aumentos dos custes de produción, que atribúen a unha "operación especulativa",  están a pór "ao bordo da desaparición" unha parte importante das explotacións galegas.

Como explican nun comunicado, o importante aumento das cotizacións dos cereais dos últimos días, coa "escusa" do conflito que se está a vivir en Ucraína, 

"supoñen un elevado risco de desaparición dunha parte moi importante das explotacións agropecuarias galegas".

"Practicamente desde o ano 2018 estamos a comprobar como se disparan os custes de produción das nosas explotacións, con importantes aumentos tanto do gasóleo, da electricidade, dos adubos, plásticos, e sobre todo das materias primas destinadas á elaboración das racións para alimentación animal", denuncia o sindicato.

"Na última cotización da lonxa de León, a do pasado día 9 de marzo, vimos de comprobar unha importante suba dos prezos dos cereais; o trigo subiu 20%, a cebada 15%, mais tamén o millo, que aínda que non consta a cotización da sesión anterior, nesta do día 9 andaba polos 340 euros por tonelada, e mesmo circulan informacións que xa o sitúan en case os 600 euros, e todo indica que o resto de insumos agrícolas continuarán disparados e se couto", lamentan.

Custos enerxéticos

Xunto a esta problemática, os gandeiros galegos din asistir "asombrados" ao "saqueo" polos elevados prezos da electricidade, mentres as grandes eléctricas do Estado español "enchen os petos" das súas directivas, mais tamén dos combustíbeis, que subiron de media 40% no último ano, "sendo o caso do gasóleo agrícola máis escandaloso ao pasar de 0,80 euros a 1,40, é dicir un aumento de 75%", critican desde a Fruga.

Na súa opinión, tras desta "desenfreada e desmesurada" suba dos custes de produción atópase "unha grave operación especulativa" fraguada desde 2018 "que fai ricos a uns poucos e empobrece ás maiorías sociais".

Por iso, reclaman das administracións "unha intervención pública que evite este fenómenos especulativos nas materias primas destinadas a produción alimentar" e axudas para as explotacións afectadas. "Non é de recibo que se xogue coa alimentación humana, cando debe ser un dereito universal, ao que todas as persoas temos que ter acceso". Do contrario, advirten, "chamaremos a unha mobilización do sector agropecuario nos próximos días".