O agro galego critica a decisión de Bruxelas de activar Mercosur: "Declárannos a guerra"
A Unión Europea aplicará, de maneira provisional, o acordo cos países de Mercosur. A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que ten as competencias comerciais do bloque de 27 Estados, anunciou esta sexta feira que porá en marcha o pacto sen esperar á resposta de Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), onde o Parlamento Europeo elevou as súas dúbidas xurídicas sobre un pacto que xerou un forte rexeitamento entre o sector primario da Galiza e o conxunto da UE. “É triste como se nos ignora”, indicaban desde o sector primario a Nós Diario sobre o paso dado por Bruxelas, ao tempo que avisan de que valorarán retomar as mobilizacións.
Con todo, a entrada en vigor non será inmediata: atrasarase previsibelmente até os vindeiros meses de abril ou maio. A Comisión lembrou que a “aplicación provisional” do acordo producirase “o primeiro día do segundo mes” a partir de que se produza unha comunicación ao respecto entre Bruxelas e Uruguai, que neste caso foi o primeiro país en ratificar o acordo —esta pasada quinta feira—, segundo clarificou un portavoz do Executivo comunitario.
"Todo este tema vense tratando na Unión Europea dese hai anos cun enorme escurantismo", manifesta a este medio Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla, moi crítica coa decisión adoptada por Bruxelas. "Que Mercosur estea no Tribunal de Xustiza Europeo impórtalles menos que cero; eles miran só polos seus intereses, non lles importa nada o sector primario", denuncia. Rodríguez informa que "non desbotamos" retomar as mobilizacións na rúa por parte do sector gandeiro agrario, para mostrar así o rexeitamento ao paso dado pola Unión Europea.
Elías Somoza, presidente da Federación Rural Galega (Fruga), confesa a Nós Diario a súa "sorpresa" porque non se estea a respectar, afirma, a democracia. Bruxelas, di, "non respecta a vontade do Parlamento Europeo", que aprobou levar o acordo de Mercosur ante o TXUE. E antes de que a Xustiza decida, a Comisión activará o acordo. "Isto non pode ser, o golpe para o agro vai ser moi duro", apunta. "Se Mercosur danase os intereses das grandes multinacionais, das enerxéticas ou da banca, non o aplicarían, mais como afecta o sector primario, entón sí, danlle para adainte", conclúe Somoza.
"Agardabamos unha medida así porque era visto que a decisión de levar Mercosur ante a xustiza non gustou a Bruxelas", manifesta a este medio Adrián Riádegos, o presidente do colectivo de gandeiros e gandeiras Elas Eles. "Lamentamos o ocultismo co que se levou todo o proceso de Mercosur", apunta este gandeiro de Lalín (O Deza). "Pero tamén temos que dicir que Alfonso Rueda [presidente da Xunta da Galiza] deixou só e abandonado o sector primario", apunta, "pois foi el quen ofreceu os postos da Galiza como plataforma loxística para o Mercosur".
José Ángel Prieto, gandeiro de Vilardevós (comarca de Verín), foi un dos portavoces da tractorada que durante días cortou a Autovía das Rías Baixas (A-52) ao seu paso por Xinzo para protestar contra Mercosur. "Este é un golpe duro", sinala a Nós Diario. "Non nos fan caso e parece que nos declaran a guerra", di.
Von der Leyen di que esta aprobación é "estratéxica"
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, defendeu a lexitimidade de Bruxelas aplicar o acordo comercial con Mercosur de forma provisional sen esperar por unha decisión da Xustiza europea sobre o pacto. “O Consello da UE deu poderes á Comisión para dar este paso en xaneiro”, argumentou Von der Leyen, quen defendeu a necesidade “estratéxica”para a Unión Europea desta aprobación.