Agricultura investiga en Galiza 2.000 contratos lácteos por baixo de 24 céntimos

Organizacións agrarias denunciaran esta situación.

A Agencia de Información y Control Alimentaria (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, está a revisar 2.000 contratos lácteos en Galiza por baixo dos 24 céntimos o litro. As explotacións con este tipo de contrato están a recibir comunicacións da AICA nas que se lle pide diversa información sobre o acordo que teñen coa empresa que lles recolle o leite, segundo informan desde Campo Galego. Esta actuación prodúcese despois de que diferentes organizacións agrarias denunciasen a situación existente nas explotacións galegas, moitas delas (3.000, calcula UUAA) tendo que vender o leite a perdas.

Este organismo, relata Campo Galego, require información sobre modificacións unilaterais dos contratos, duración do acordo, posibilidade de optar a outras ofertas ou ben se eses produtores reciben ameazas de que non se lles recolle o leite. As inspeccións da AICA poderían rematar en sancións ás industrias infractoras. Os produtores son partidarios de que se publiquen os nomes das empresas infractoras.

O informe que hai unhas semanas fixo público o Fondo español de garantía agraria (Fega) correspondente ao mes de maio reflictía unha nova caída no que se paga polo leite no noso país: o prezo medio está en 27,3 céntimos (29,2 no Estado). Galiza é onde ao produtor menos se lle paga polo leite mentres que no outro extremo, o mellor pago na Península, está Euskadi, con 34,2 céntimos o litro.