Afectad@s polas preferentes continúan pechad@s no concello de Sanxenxo

Peche afectad@s preferentes en Sanxenxo
Pasaron a noite na casa do concello e ocuparon esta mañá a oficina de NGB situada ao seu carón. Recibiron a visita de varios alcaldes da zona, da voceira de Emprego do grupo parlamentar do BNG, Montse Prado e reuníronse coa alcaldesa de Sanxenxo.

 

Despois dunha noite enteira nas dependencias municipais, a Plataforma de Afectados do Salnés continúa o seu peche hoxe “até que nos devolvan o 100% dos nosos aforros”. Desde onte pola mañá, cando máis de 80 persoas deste colectivo conseguiron entrar no interior da casa consistorial, recibiron a visita en solidariedade de varios alcaldes da zona, e da voceira de Emprego do grupo parlamentar do BNG, Montse Prado. 

A intención d@s afectados foi manter unha reunión co presidente do goberno español, Mariano Rajoy, que estes días pasa as súas vacacións na localidade. “Somos xente educada e como veciños quixemos comentarlle a nosa situación”, sinala José Manuel, unha das persoas que leva máis de 24 horas pechada no concello. “Mais faltounos ao respecto e nin quixo contestarnos”.

No momento de escribir esta crónica ocupaban tamén a oficina que Novagalicia Banco ten a poucos metros do casa do concello e minutos despois pechaba as súas portas cos membros da Plataforma no seu interior. “Non pensamos marchar até que teñamos unha resposta clara dos políticos que nos gobernan”, asegura José Manuel.