Os aeroportos galegos alcanzaron os 5,5 millóns de pasaxeiros en 2025
O Aeroporto de Santiago perdeu máis de medio millón de persoas viaxeiras en 2025 respecto ás cifras récord rexistradas en 2024, segundo os datos ofrecidos esta terza feira pola empresa pública Aena, que tamén reflicten un descenso de máis de 2.000 voos. Tal e como informou Aena, as terminais galegas alcanzaron os 5,5 millóns de viaxeiros en 2025, medio millón menos que o ano anterior. O descenso maior deuse no aeroporto compostelán Rosalía de Castro, que fechou o ano cun total de 3.107.587 pasaxeiros e 24.837 voos en 2025, 14,3% e 7,9% menos, respectivamente, que en 2024. A caída deste aeródromo deixouse notar maiormente no pasado mes de decembro, cando o tráfico de pasaxeiros baixou practicamente en 27 puntos porcentuais da media anual.
Pola contra, tanto a terminal de Alvedro, na Coruña, como a de Peinador, en Vigo, rexistraron datos positivos en números de viaxeiros e de voos. O aeroporto da cidade herculina tivo en 2025 case 1,3 millóns de pasaxeiros, 4,4% máis e case 16.251 voos en 2025, 12,2% máis que en 2024. Pola súa parte, a terminal de Vigo fechou o ano con 1,11 millóns de viaxeiros, cun aumento de 5,3% con respecto a 2024, e case 1.200 operacións, das cales 779 foron voos comerciais, se ben no ano previo estivera case un mes fechada a pista por obras.
Na madrugada desta terza feira principiaron as obras do pavimento da pista do aeroporto de Santiago, que se desenvolverán en horario nocturno. Unha actuación que está prevista que dure até o 22 de abril, cando se procederá a realizar a reforma en horario diúrno, implicando o feche da infraestrutura compostelá durante 35 días, até o 27 de maio. Os principais traballos pasan pola mellora do pavimento e a renovación do sistema de balizamento e drenaxe.