Análise

A volta atrás

O 23 de marzo de 1987 o Ministerio Fiscal presenta unha querela contra Lola Flores por presunto delito fiscal. Hoxe son Belén Esteban, Shakira ou Messi. (Ilustración: Álex Rozados)
Nova análise do economista Xosé Antonio Pena Beiroa para 'Nós Diario'.

1987 foi un ano aburrido. Como todo ano impar non houbo Eurocopa, Mundial ou Olimpíadas. Nin sequera Xacobeo. Era Presidente español González e Solchaga o seu Ministro de Economía. Máis divertido foi o ano en Galicia. Grazas a unha moción de censura, Laxe substituíu na Presidencia da Xunta a Albor, nun dos dous períodos alleos ao fraguismo e o feijoismo. Ninguén imaxinaría que décadas despois tanto en España como en Galicia quen nos gobernan son a Merkel de quenda e uns señores vestidos de negro nunha cesión de soberanía cara arriba nunca vista desde a época da Pax Romana. Un dos discos máis escoitados no 1987 foi The final countdawn do banda Europe, moi acaído.

Economicamente 1987 foi un bo ano: o PIB crecía un 4%, o IPC un 4,6% e o déficit público o 4%, pero o "case" era un paro do 21%. Trinta e cinco anos despois queda demostrado que non aprendemos nada para a construción dun modelo de crecemento sostible. Temos un paro de máis do 13%, o déficit andará no 5%, a inflación no 8,5% e o crecemento do PIB será dun 4%. Pola contra a escala do IRPF dividíase en 34 tramos e o tipo marxinal máximo era do 66%, cando Montoro era profesor da UAM e Montero directora do Consejo de la Juventud de Andalucía. En 2022 son só seis tramos e o tipo marxinal o 47%.

Dixen que 1987 foi un ano aburrido. Si, só podo apuntar catro acontecementos dos que tres serven para confirmar que o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na pedra e volta atrás.

A economía mergullada, despois das amnistías fiscais de 1984, 1991 e 2012, segue estimándose no 21% do PIB

O 23 de marzo o Ministerio Fiscal presenta unha querela contra Lola Flores por presunto delito fiscal. Non puido acollerse a ningunha amnistía fiscal e acabou por pedir en televisión unha peseta a cada cidadán para pagar a sanción. Hoxe son Belén Esteban, Shakira ou Messi. A economía mergullada, despois das amnistías fiscais de 1984, 1991 e 2012, segue estimándose no 21% do PIB, dobrando a media europea, o que supón recadar 48.000 millóns de euros menos.

O 19 de maio finaba en Vigo Valentín Paz Andrade, tamén economista. Foi promotor frustrado dunha refinería en Vigo (Petrogasa, con Manuel Cordo Boullosa, o galego fundador dá portuguesa Galp) e dun banco industrial, ambas as dúas iniciativas materializadas máis tarde na Coruña. É lembrado coma un dos fundadores de Pescanova, a primeira multinacional de orixe galega. Malia que a súa formación foi xurídica (a facultade de económicas compostelá é do 1967), poderiamos cualificalo como un dous principais economistas galegos dá segunda metade do século XX.

O 19 de outubro a Bolsa de Nova York perdeu máis de 500 puntos (o 22,6%), a peor caída desde o crack do 29. Detonante? un número reducido de investidores (Wells Fargo, Banker Trust...), a través do aseguramento de carteiras, venderon ese día máis de 30.000 contratos de futuros sobre o índice Standard and Poor’s por uns 4.000 millóns de dólares. Sóanos? 35 anos máis tarde non aprendemos. Agora temos CDS, instrumento financeiro para atacar a débeda pública dalgúns países. CDO’s para empaquetar hipotecas lixo. E a venda a curto descuberta (naked short selling), ou venda de accións que non se teñen. Por iso Greenspan nunca será Nobel de Economía, como é o seu sucesor Ben Bernanke.

A ciencia económica é unha opinión cualificada que non se aprende en dúas tardes, como prometeu Jordi Sevilla 
a Zapatero

O 30 de novembro Mario Conde é nomeado presidente de Banesto tras a OPA falida do Bilbao. A súa mala xestión orixinaría un buraco patrimonial de máis de 450.000 millóns de pesetas (en termos proporcionais equivalente ao de Bankia) e a intervención do banco o Día dos Inocentes. Foi condenado polo Supremo a 20 anos de prisión, o que non lle impediu ser 'tertuliano' e escribir libros recomendando como saír da crise, De aquí se sale, ou referirase ao cárcere? Lembremos a clasificación dos cinco principais bancos en 1987: Central, Banesto, Bilbao, Hispano e Santander. Din que non hai quinto malo e aquí compróbase: comeuse a tres dos catro primeiros. Peor o caso das caixas, das de Pensións, Madrid, Barcelona, Postal e Cataluña, só quedou a primeira e como banco. En Galicia quédanos a Caixa Rural Galega, a nosa pequena é fermosa entidade, que diría E.F. Schumacher, discípulo de Keyness.

Para que a historia non se repita como farsa, anotemos o caso do Xapón onde á burbulla inmobiliaria seguiuna unha financeira que arrastrou á segunda potencia económica mundial a un crónico estancamento, crecendo a metade que Europa no que levamos de século. Non demos unha volta atrás. A ciencia económica é unha opinión cualificada que non se aprende en dúas tardes, como prometeu Jordi Sevilla a Zapatero. Debe conxugar o que dixo Séneca: "A economía é a ciencia de diminuír os gastos superfluos", co dito dous mil anos despois por Ramón y Cajal: "O aforro excesivo deriva axiña cara o miserento, caendo na esaxeración de reputar superfluo até o necesario".