A Plataforma entrega máis de 1.000 sinaturas en demanda de fondos para sanear e rexenerar a ría do Burgo

Representantes da Plafaforma en Defensa da Ría do Burgo coas sinaturas
O colectivo solicita que se destinen, cando menos, dous millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado para actuacións na zona

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo fixo entrega no Rexistro da Delegación do Goberno na Galiza das máis de 1.000 sinaturas recollidas en pouco máis de dúas semanas entre a veciñanza da Coruña e a súa contorna. Representantes do colectivo presentaron estas sinaturas a modo de alegacións-petición popular ao Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado e para esixiren que estes inclúan partidas económicas destinadas ao saneamento e rexeneración integral da ría.

 Con motivo da entrega das sinaturas, a Plataforma desenvolveu unha concentración simbólica ás portas do edificio da Delegación para denunciar a “ofensa, o desprezo e o abandono” do Goberno español do PP que vén de atrasar, un ano máis, as urxentes actuacións que precisa a ría. Desde o colectivo demándase a aprobación inmediata dunha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado que dote dunha partida económica, de cando menos 2 millóns de euros, para garantir o cumprimento dos compromisos a respecto do dragado, tratamento e limpeza de lodos, entre outras actuacións.

Así mesmo, a Plataforma esixe unha acción conxunta do Goberno galego e dos concellos da bisbarra da Coruña para reclamar do Executivo español a corrección das deficiencias dos Orzamentos Xerais e que se urxa a desenvolver todas as actuacións precisas para a rexeneración e recuperación integral deste espazo.

Neste sentido, as persoas representantes do colectivo volveron subliñar que as inversións na ría do Burgo, nun momento de crise económica como o actual, non hai que entendelas só como unha perentoria necesidade medioambiental, senón tamén como unha aposta polo potencial da ría como motor de reactivación económica da comarca e pola súa capacidade xeradora de emprego.