A Galiza afortunada
Na Galiza hai actualmente 7.708 persoas que teñen que pagar o Imposto de Patrimonio. É dicir, que son ricas. Acumulan unha fortuna que abeira os 40.000 millóns de euros. Un patrimonio que equivale a catro veces os orzamentos da Xunta para 2019 ou a 60% do PIB de Galiza. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 321 de Sermos Galiza.
Daquela, 2011, o patrimonio que na Galiza posuían as persoas ricas era de menos de 25.500 millóns de euros. Agora é de 39.245 millóns, 54% máis que daquela. En menos dunha década as fortunas galegas viron aumentar a súa riqueza en 14.000 millóns de euros. Posúen agora un patrimonio, eses 40.000 millóns, que equivale a máis de 60% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galiza. Ou, por seguir coas comparacións, unha riqueza que multiplica por catro o orzamento previsto pola Xunta para 2019.
O salario medio na Galiza era en 2017 o mesmo que en 2011, 1.787 euros mensuais fronte a 1787,3. Un estancamento que contrasta co salario medio español, que neses mesmos anos aumentou en 444 euros anuais.
Ao tempo, e mentres esas fortunas aumentaban e aumentaban na Galiza o número de persoas asalariadas que tiñan ingresos anuais por baixo da metade do salario mínimo (SMI) pasaba de 14% (2009) a máis de 18% (2017). 30% das traballadoras e traballadores na Galiza non chega ao salario mínimo, cinco puntos máis que no inicio da crise.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 321 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]