Concurso de acreedores nunha empresa da familia Cuiña que percibiu case 2,5 millóns de euros en axudas

Rafa Cuiña e Feijóo
Construcciones Técnicas de Radioterapia, da que Rafa Cuiña era conselleiro, entrou en fase de liquidación tras ter recibido máis de dous millóns de euros en subvencións a fondo perdido e créditos brandos

Construcciones Técnicas de Radioterapia (CT-RAD), "firma de corte tecnolóxico e innovador, e exemplo de visión de futuro", Así definía en 2009 a esta empresa, recén adquirida polo grupo Aurela, da familia Cuiña, un xornal galego. A firma era unha das grandes apostas de Aurela, a xoia dun emporio que naquel exercicio representaba 70 millóns de euros. 

A familia Cuiña vén de liquidar CT-RAD, empresa que ten recibido perto de dous millóns e medio de euros en axudas públicas, ben a través de subvencións a fondo perdido ou ben mediante créditos brandos. Aurela presentou concurso voluntario de acreedores e o Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña vén de adoptar a súa primeira decisión: Liquidar CT-RAD, o que supón liquidar a empresa e cesar ao seu consello de administración (do que formaba parte Rafael Cuíña). O consello pasa ser substituido por administradores concursais. Ao liquidar Construcciones, a familia Cuíña renuncia a facer fronte a un plan de viabildiade para o futuro da firma.

CT-RAD presentouse nas Pontes en 2009 como unha das grandes apostas do grupo Aurela. O Ministerio de Industria, o de Economía e o Igape concederon pola volta de 1,2 millóns de euros en axudas a fondo perdido a esta empresa. Non foi a única. Ao abeiro do Plan Ferrol, tamén se beneficiou doutros 1,2 millóns de euros en empréstitos a interese cero.

Igape

Xesgalicia, organismo de investimento ligado ao Igape, foi socio desta empresa dos Cuiña mediante o fondo Emprende, cunha participación do 20% no accionariado.