As 41 empresas eólicas con máis ingresos da Galiza só xeran 15 empregos
As empresas de xeración de electricidade con tecnoloxía eólica signifícanse polos altos beneficios económicos e pola escasa creación de emprego. Os datos ofrecidos polo informe 'Ardán' para o ano 2024 apuntan que as primeiras 41 compañías eólicas galegas só ocupan 15 persoas no país.
As 41 primeiras empresas eólicas con sede social na Galiza ocupan un total de 15 persoas no país. Así o recollen os datos do Ardán, o informe de referencia sobre sistema empresarial galego elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo —que ofrece información de todas as compañías con enderezo no país cuxa facturación supera os 250.000 euros—, con cifras relativas a 2024, último ano con datos.
O relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo non incorpora información daquelas sociedades dedicadas á xeración eólica con actividade na Galiza pero con sede social en Madrid. Nesta liña, non fornece datos de ocupación dalgunhas das principais empresas enerxéticas con presenza no territorio galego, como poden ser Iberdrola, Acciona ou Enel. Na maioría dos casos, o traballo de mantemento das instalacións desas mercantís é desenvolvido por empresas subcontratadas asentadas na Galiza.
As cifras ofrecidas por Ardán para 2024 están en liña coas de anteriores anualidades. Así, en 2022 as 45 primeiras empresas eólicas con sede social na Galiza ocupaban 37 persoas no país e xeraban 0,010% do total do emprego galego, e en 2023 as 38 maiores compañías da Galiza produtoras de electricidade eólica daban traballo unicamente 19 persoas e significaban 0,015% do conxunto do emprego daquel ano. Neste punto, o relatorio incide en que se trata de actividades que crean moi poucos postos de traballo.
Os datos ofrecidos polo informe Ardán contradín as cifras achegadas pola patronal eólica. Neste sentido, o Estudo Macroeconómico do Impacto do Sector Eólico en España en 2024, promovido pola Asociación Empresarial Eólica (AEE) e elaborado pola consultora Deloitte, apunta que nesa anualidade as empresas do sector ocuparon na Galiza até 3.692 persoas. De feito, boa parte dos expertos e informes independentes cuestionan os números fornecidos pola patronal eólica.
A profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en cuestións enerxéticas Rosa Regueiro explica a Nós Diario que "desde a patronal eólica achegan cifras de emprego indirecto no sector que non se manteñen só co obxectivo de engordar as cifras de ocupados para dar máis relevancia á eólica en termos de emprego". Nesta orientación, destaca que "as actividades enerxéticas son intensivas en capital mais non en emprego; nunca o foron".
"Na miña opinión, toda instalación eólica, sexa terrestre ou mariña, non vai destacar pola creación de emprego porque non ten esa capacidade", apunta Regueiro, quen desvela que, "no referido ao mantemento e na xestión diaria dos parques, o numero de empregos é altamente especializado e non é elevado, non caracterizándose estas actividades por unha ampla xeración de emprego, senón por todo contrario", pois "non son intensivas en emprego".
Os relatorios dos organismos públicos van na mesma liña. Así, en 2023 o Banco de España publicou un informe co título de Do renewables create local jobs? –"Crean emprego local as renovábeis?"—, elaborado pola catedrática da Universidade Carlos III Natalia Fabra e os investigadores da institución Eduardo Gutiérrez, Aitor Lacuesta e Roberto Ramos, que concluía que as plantas eólicas "non crean emprego nos municipios onde se instalan".
Un documento elaborado nese mesma ano pola Organización para o Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) destacou que “a xeración de enerxía renovábel é unha actividade altamente intensiva en capital, polo que o emprego directo que crea e o multiplicador asociado é moi baixo". Neste perspectiva, o documento apuntou que "o impacto en emprego é testemuñal", advertindo de que este tipo de instalacións de xeración eléctrica contribúen ao despoboamento das áreas onde se emprazan.
Os beneficios
As reducidas cifras de emprego xerado polo sector eólico contrastan cos elevados beneficios obtidos polas compañías. Nesta liña, o relatorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo, analizando as contas presentadas polas primeiras 41 empresas eólicas galegas no rexistro mercantil, destaca que os ingresos por cada persoa traballadora destas compañías en 2024 situouse en 899.835 euros ao ano, e o custo medio por empregada, en 39.213 euros.
Os ingresos por persoa empregada caeu en 2024 nestas mercantís en relación aos exercicios anteriores. Así, en 2022 situáronse en 1.732.405 euros cun custo medio por empregado de 44.185 euros e en 2023 en 1.211.005 cun custo medio por empregado de 3 7.717 euros. As causas deste descenso débense á caída do prezo da electricidade, que en 2022 marcou 167,5 euros por megawatt e hora (euros/MWh), en 2023 87,1 euros/MWh e en 2024 65,3 euros por MWh.
O valor engadido bruto (VEB) é unha magnitude macroeconómica que determina os beneficios xerados nun sector da actividade económica. No caso da produción eólica, o citado relatorio sitúa o VEB en 122,5 millóns de euros, tras cifrar os ingresos das 41 compañías do sector con enderezo na Galiza en 195,9 millóns de euros. Ao tempo, indica que o VEB medio por persoa empregada está en 345.392 euros.
As instalacións de eólicos favorecen o despoboamento
A perda de poboación é unha constante en todos aqueles concellos de alta concentración eólica. Segundo sinalan diversas investigacións realizadas en diferentes universidades do Estado, as instalacións de produción de enerxía renovábel favorecen estas tendencias. Un mostra destes traballos foi o elaborado polos profesores do departamento de Análise Económica da Universidade de Zaragoza, baixo a dirección de Rosa Duarte, onde se analiza o impacto da eólica no baixo Aragón, concluíndo que esta actividade foi incapaz de reverter o imparábel descenso demográfico nos concellos desa zona e que tampouco foi capaz de xerar emprego.
O profesor da Universitat Rovira i Virgilli Sergie Saladié i Gil chegou ás mesmas conclusións para o caso de Catalunya. Neste, punto sinalou que "80% dos municipios cataláns con instalacións eólicas perderon poboación na última década".
E os datos da Galiza van na mesma dirección. Así, o concello de Muras (comarca da Terra Chá), o primeiro da Galiza en potencia eólica instalada con 15 parques eólicos, 381 aeroxeradores e 481 megawatts, perdeu desde o ano 1995 até hoxe 55% da poboación. Outro tanto acontece en Ourol, o segundo en potencia, que perdeu nese período 42,9%.