213 mil millóns, o prezo dos resgates bancarios na UE
Máis de 213 mil millóns de euros destináronse a salvar entidades financeiras na Unión Europea. Un maná para o oligopolio de auditorías e empresas financeiras. Tamén na Galiza. Deixamos un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 238 do noso semanario, xa na rúa.
Como nun gran truco de maxia, na Unión Europea desapareceron entre 2008 e 2015 máis de 213 mil millóns de euros. Non é unha cantidade pequena. Equivale, por exemplo, á suma do gasto anual en educación que se fai en Alemaña, Italia, Dinamarca e na República Checa. Ou ben ao que se destina cada ano aos servizos de saúde no Estado español, Austria, Grecia, Polonia e Suecia, combinados, por poñer outro exemplo. É dicir, moitísimos cartos. Eses 213.000 millóns de euros foron o montante total do diñeiro perdido polos 28 Estados membros por mor do incremento do déficit e o aumento do pagamento dos xuros como resultado directo das súas intervencións na crise bancaria. Por resumir e aclarar, como pide a analista Rosa Estévez, “foron os cartos usados para resgatar bancos e que nutriron o negocio de auditoras e empresas asesoras”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 238, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]