CONCURSO DE ACREDORES

138 empresas galegas entraron en quebra no primeiro trimestre

Case 140 empresas concursadas na Galiza no primeiro trimestre
Máis da metade das empresas concursadas eran do sector da construción e industrias

O número de empresas que se declararon en quebra na Galiza durante o primeiro trimestre de 2012 foi de 138, segundo datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Destas, as relacionadas coa industria (33) e construción (39, das cales 23 centrábanse na edificación e promoción inmobiliaria) son as máis numerosas entre as insolventes. Tamén destacan as 23 clasificadas en “comercio por xunto”. No outro extremo sitúanse sectores como agricultura e pesca, en que ningunha empresa quebrou nos tres primeiros meses do ano; ou a hostalaría, con dúas.

No que atinxe ao número de asalariados e asalariadas das empresas concursadas, tres delas tiñan máis de cen traballadores e traballadoras; 6 posuían un cadro de entre 55 e 99 operari@s, e en 24 delas o cadro de persoal estaba composto por entre 20 e 49 asalariad@s. Cunha plantilla de traballadores e traballadoras de entre 10 e 19 había 29 empresas e en 18 delas os e as asalariadas eran de 6 a 9 persoas.

Con respecto do volume de negocio destas empresas concursadas, dun total de 138, cinco delas superaban os 10 millóns de euros, mentres que 13 movíanse nun tramo de 5 a 10 millóns e 20 estaban comprendidas entre os dous e cinco millóns de euros de volume de negocio. Segundo o INE, A Coruña é a e provincia da Galiza con maior número de empresas concursadas (68), seguida de Pontevedra (48), Lugo con 22 e Ourense con 11.

Mais non só as empresas se declaran en quebra. Entre xaneiro e marzo 11 persoas físicas sen actividade empresarial declaráronse insolventes na Galiza.