A Xustiza anula a Liga Galega de Xadrez de 2022 e obriga a repetila
A Liga Galega de Xadrez do ano 2021 non decorreu por causa da pandemia da Covid-19. A liga reanudouse en 2022, pero cun cambio significativo: en vez de xogarse na División de Honra en todo o país de xeito conxunto, dividiuse o territorio en dúas zonas —norte e sur— e agrupáronse os equipos por proximidade xeográfica.
Os equipos de Santiago de Compostela —Algalia e USC— quedaron na zona norte. O problema, sinalan desde o club Algalia, era que a división deste xeito agrupaba os equipos en zonas deportivamente "non equiparábeis en forza de xogo, desvirtuando totalmente a competición".
Posteriormente a Federación decidiu de "xeito irregular" enviar os equipos de Santiago da á zona sur, "contradicindo o seu propio regulamento e favorecendo uns equipos fronte a outros". O club Algalia cualifica ese cambio como irregular porque foi feito "nunha Comisión na que participaron cargos da Federación que eran tamén cargos nos equipos beneficiados".
Os equipos da USC e Algalia reclamaron estes cambios á Federación, en primeira instancia que rexeitou as súas reclamacións, e ao Comité de Xustiza Deportiva da Galiza, en segunda instancia, "que actuando máis como avogado de parte que como verdadeiro Comité de Xustiza Deportiva" non só desestimou as reclamación dos clubs, "senón que incluso censurou e reprochou as súas reivindicacións".
Agora, o Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Santiago de Compostela vén de dar a razón aos clubs reclamantes e anula a liga de 2022 por irregularidades manifestas na súa elaboración. Di a sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, que a división en dous grupos non está apoiada pola normativa da Federación Galega de Xadrez, recoñece o conflito de intereses dos membros da Federación que toman a decisión do cambio de grupo dos equipos de Santiago de Compostela e tamén que a Federación incumpre a súa propia normativa de proximidade xeográfica ao levar a cabo o desprazamento dos equipos de Santiago á zona Sur a cambio de levar os de Rianxo (O Barbanza) e Vilagarcía de Arousa (O Salnés) á norte.
A sentenza confirma, segundo sinala o club Algalia nun comunicado, que "a mala praxis da Federación Galega de Xadrez favorecendo os clubs amigos en detrimento de outros ao final prexudica a todos".
A USC, un dos equipos máis antigos da Galiza, nos 40 anos que leva disputándose a Liga Galega de Xadrez, sempre militou na máxima división de Honra do Xadrez Galego. "Tivo que darse esta cacicada da Federación Galega de Xadrez para que perdera a categoría, e enfrontarse así unha crise que case fai desaparecer o club de xadrez e da que aínda non se recuperou totalmente".
O Algalia creouse no ano 1989 e desde entón ven participando nas competicións deportivas oficiais, organizando torneos, e divulgando o xadrez dando clases en distintos colexios e asociacións de Compostela, e "tamén se veu fortemente prexudicado pola actuación da Federación Galega de Xadrez no ano 2022".