As causas do descenso do Deportivo Abanca

Total desolación entre as branquiazuis logo de perder ante o Betis. (Foto: RC Deporitvo).
O desleixo detrás da caída do único equipo galego na élite do fútbol feminino.

Galiza non contará con ningún representante na Primeira División Feminina de fútbol na vindeira campaña, logo de consumarse a crónica dunha morte anunciada do Deportivo Abanca após perder ante o Betis no penúltimo partido ligueiro (3-1).

A tempada pasada o Dépor foi a gran revelación do torneo. Iso espertou o interese doutros equipos, que levaron varias das súas xogadoras estrelas como Tere Abelleira, Maya ou María Méndez.

Lamentabelmente, o club non puido, non soubo ou non quixo cubrir esas baixas con futbolistas á súa altura, apostando por mulleres de perfil baixo, procedentes de ligas estranxeiras de inferior nivel e sen experiencia, defraudando así ao mesmo tempo a confianza de xogadores internacionais que si apostaron por quedarse, como Peke ou Athenea. 

Tamén decepcionou o técnico Manu Sánchez, superado pola negativa dinámica inicial e impotente á hora de reconducir a situación, até o punto de chegar a recoñecer que fixo cousas nas que como adestrador "non" creu "nunca. 

O seu descenso prexudica, ademais, ás súas veciñas da Victoria, escuadra que optaba a ocupar a un posto na Segunda División que tería garantido no caso de que as branquiazuis lograsen a permanencia a costa do Betis. Porén, non puideron pasar do empate ante o filial bético e, polo tanto, xa que non coincidirá co seu segundo equipo na categoría de prata, é o club andaluz o que xogará a vindeira tempada na liga Reto Iberdrola.

Adeus á aventura do Viaxes Amarelle

Unha derrota por un único tanto (1-2) ante Joventut D'Elx condenou ao descenso ao Viaxes Amarelle da Primeira RFEF de Fútbol Sala.

A pesar de que a cousa comezou ben, cun tanto inicial de Anna Escribano no minuto 27, Carol empataba cando faltaban só dous minutos para o final e, lamentabelmente, as xogadoras laranxas non puideron aguantar o ritmo na prórroga, encaixando o segundo e definitivo tanto alacantino no 42.