Xesús Ferreiro, campión europeo de rallies históricos: "Hai que coidar a cultura do automobilismo e facer que non se perdan os clásicos"
—Como naceu o seu interese por correr con estes coches?
Sempre tiven debilidade polos coches clásicos, polos históricos, e comecei a ir ver rallys con 14 anos, máis ou menos. Daquela, por mor da ditadura, o mundo do motor estaba limitado e non había moitas marcas. Os SEAT eran os que gañaban na Galiza e en todo o Estado español, e eu mesmo comecei competindo cun SEAT 124 Sport. Mais tamén estaban os Porsche e os Opel Manta. O ruído deses coches quedoume interiorizado. Con 19 anos merquei o primeiro coche e fun ao campionato de terra que había na Galiza, bastante bo e que contaba con moito seguimento. Era unha modalidade moi económica, pois nesa superficie non se necesitaban tantos pneumáticos, era unha proba máis sinxela que o rallies de asfalto.
Empezamos de maneira moi humilde, non tiñamos medios ningúns. Fomos facendo e loitando. Cada ano faciamos un rally máis. O meu primeiro, o de Narón, de terra, en 1989. A partir dese momento corremos varios anos até que naceu o Campionato de Históricos da Galiza, preparamos mellor o coche e fixémolo máis competitivo. Gañamos o primeiro ano e varios máis. Despois viría o estatal, desde 2007, que comezou tamén cunha vitoria nosa, e a posibilidade de ir máis alá. Daquela conducía Ford Escort.
—Nese ir "máis alá" tamén estaba chegar a gañar todo un Campionato de Europa?
Unha das probas do e erastatal o Rally Costa Brava, que tamén puntuaba para o Europeo, vimos que tiñamos algunha opción e pensamos na posibilidade de participar. Levamos cinco anos tentando contar cun bo resultado mais nunca tivemos un orzamento fechado para todo o campionato; decidimos que se perdiamos algunha proba, e sempre pasaba, abandonariamos. Nunca, até o de agora, conseguiramos facer o certame enteiro. O ano pasado xa tentamos ir máis forte, mais por unha exclusión na República Checa quedamos fóra da carreira e xa decidimos non continuar. Este ano fomos con moita ilusión, preparamos o coche, mudamos de motor, o cambio de suspensión e revisouse todo.
—Como foi esa preparación previa e contar cun equipo de tres persoas para ese campionato?
Fixemos ben os deberes. Cando rematou a tempada anterior, cando tomamos a decisión de participar, desmontamos o coche e pedimos, neste caso, un motor a Inglaterra, e mudamos a suspensión. Tamén fixemos un test en circuíto, neste caso fóra. Sobre este tema, coido que sería interesante que houbese aquí un Circuíto galego de velocidade, como teñen outras cidades do Estado. Temos máis xente apoiándonos mais somos practicamente tres persoas quen estamos loitando por cada proba.
Non está moi ben que o diga eu, mais eramos a envexa doutros equipos que levaban unhas dez persoas mentres nós eramos tres. Está Xavier Anido como copiloto e ao mesmo tempo encárgase de toda a loxística das viaxes e de estudar o lugar onde ten lugar a competición. O terceiro é Iván Barreiro, quen se encarga da posta a punto antes de saír, da asistencia, da loxística e do transporte do propio coche en camión até o lugar da proba.
—Nos últimos anos apostou por participar cun Ford Escort. Cal é o motivo?
O motivo é moi sinxelo. Quizais sexa, agora mesmo, un dos coches que ten absolutamente todas as pezas que se fan novas. Podes ter este modelo e pórlle 90% do que leva de fabricación nova. Foi grazas aos británicos e aos irlandeses que o tiveron, como nós tivemos o SEAT; un coche escola. Teñen unha industria relacionada co mundo da competición moi forte e recrearon todas as pezas dese modelo. E por este motivo é moi popular en todo o mundo. Ademais, é un coche moi competitivo e espectacular. Derrapa moito e gusta ao público que vai aos rallies.
—Sería interesante retomar a idea de contar cun Campionato Galego de Coches Históricos?
Eu creo que si. Diría máis: debería facerse unha competición exclusiva de históricos, sen compartir os rallies cos coches modernos, que son moi diferentes. Os de agora recortan moito as curvas e a súa filosofía é totalmente distinta á dos históricos. Mesmo estaría ben facelo xunto con Asturias, onde tamén hai moita tradición e está moi próxima a nós. Facer un campionato astur-galaico, en definitiva. Sería viábel ao 100% e a envexa de moita xente a nivel estatal. Deberiamos preservar este tipo de probas, ademais da mesma competición, para conservar estes coches, que son moi bonitos, e que non se perda a cultura automobilística. Ademais, sería unha maneira de facer que a xente coide os seus coches e que a mocidade poida achegarse a eles e ver que son moi diferentes aos de agora.
E non serían rallies voluminosos, como estamos acostumados agora. Parece que se unha proba non ten máis de 150 inscritos non é boa; eu discrepo totalmente. Teño asistido a rallies preciosos e eramos igual 50 inscritos. Hai que coidar a cultura do automobilismo, mimar a xente e que non se perdan estes coches. Con todo, non é fácil. Para crear un campionato hai que ter moita vontade de facelo e traballar. Non tería que ser moi extenso, abonda con catro carreiras. Hai que ter en conta que os pilotos de coches históricos tamén somos un pouco "históricos".
—O premio chegou despois de facer un moi bo campionato, se cadra a planificación tivo algo a ver...
No noso caso tivo que ver o aspecto económico na planificación. Nós non fomos ás probas máis afastadas polos custos. Por exemplo, as de Finlandia, Grecia e Italia. Acertamos e fomos moi constantes no desenvolvemento das que fixemos na Costa Brava, na República Checa, en Francia, en Bélxica e en Asturias. Agora, co título, mesmo poderiamos evitar ir á última proba na localidade portuguesa de Fofe.
—Pensa en repetir para o ano tamén no Europeo?
Cada vez que gañas un campionato é moi bonito defender o título. Tes a intención de demostrar que non foi por sorte senón que o mereces, aínda que no mundo da competición sería moi raro. Mais creo que sería complicado repetir posto que se precisaría un orzamento bastante forte e deberiamos conseguir máis patrocinios. Con todo, estamos moi satisfeitos cos que nos apoiaron até o de agora como foi o caso da Deputación da Coruña, do Concello de Melide e tamén a grande achega en todo o campionato de Madeiras Paco Cacharolo.