O waterpolo galego estará presente na Copa FANáticos

A proba infantil comeza esta sexta feira. (Foto: CW Pontevedra)
O evento comeza esta sexta feira en Zaragoza.

Non é o waterpolo a disciplina con máis prédica na Galiza, mais conxuntos como o Pontevedra, que en 2023 celebra o seu 25 aniversario, traballan para ampliar a súa base de practicantes.

Por iso repetirá, despois de debutar o pasado ano 2022, na prestixiosa Copa FANáticos de Zaragoza, que comeza esta sexta feira e a onde desprazará un equipo masculino e outro feminino conformados por 19 deportistas de entre 9 e 12 anos.

Organizada pola Federación Aragonesa de Natación nas instalacións do Centro Helios da capital maña, na competición de mulleres serán seis os rivais dun Pontevedra que viaxa con Carlota González, Cloe Guerreiro, Iria Moreira, Lara Mouco, Lucía Penide, Carmen Sánchez, Avril Segovia, Alexandra Borrego e Gabriela Ferreiro.

No referente aos varóns, a cantidade de competidores aumenta até 19, estando a escuadra da Boa Vila -que despraza Omar Cernadas, Martín Couto, Israel Jerez, Rodrigo Méndez, Adrián Moreno, Martín Moreno, Gonzalo Santín, Mauro Varela, Otto Vargas e Oween Smith- encadrada no Grupo 'E'.

A maiores, desde a dirección do Club Waterpolo Pontevedra explican que, "co obxectivo de facilitar que os nenos e nenas poidan probar o deporte", organizará unha serie de xornadas de portas abertas, totalmente de balde, ao longo dos meses de xuño e xullo.