Visto para sentenza o 'Caso Jimmy': a testemuña protexida ratifica que houbo 4 implicados no asasinato

O fiscal pide 8 anos de internamento e 3 de liberdade vixiada para o único acusado, menor de idade.

A testemuña protexida ratificou na súa declaración perante o Xulgado de Menores a súa versión do 'Caso Jimmy' e acusou o menor enxuizado e outras tres persoas de ser os autores materiais do asasinato do seareiro do Dépor Francisco Javier Romero Taboada. A testemuña sinalou estas catro persoas como as responsábeis: o menor de idade imputado por homicidio, 2 dos 4 ultras do 'Frente Atlético' que foron excarcerados no seu día e outro ultra atlético que foi detido pola Policía e está imputado polo xuíz de instrución. A estemuña está imputada na causa principal por lea tumultuaria, algo que a defensa dos acusados aproveitou para cuestionar a súa versión.

O menor acusado de homicidio negou perante o xuíz a súa participación no asasinato e asegurou que as acusacións son falsas. O fiscal pide 8 anos de internamento e 3 de liberdade vixiada para este menor, único acusado polo asasinato e a quen o ministerio público tamén considera autor dun delito de lea tumultuaria e tenza ilícita de armas. Canda el sentan no banco dos acusados outros dous menores de idade, tamén implicados na pelexa. Para ambos os dous piden traballos en beneficio da comunidade.