O único remate entre os tres paus do Levante derrota o Celta en Balaídos

Un lance do xogo

Continúa a má xeira de resultados da equipa celeste, que cai á zona de descenso, con apenas 7 pontos após 9 xogos. Balaídos aínda non viu gañar o Celta esta temporada.

 

Baixo un intensísimo dioivo, o Levante de Caparrós foi unha das equipas de fútbol máis racano que compareceu en Balaídos nos últimos anos. Limitouse a fecharse no seu campo e a agardar a que escampase. Non escampou e até se foi a luz na segunda metade, as chuvias a interromper a subministración eléctrica. O Levante só chutou unha vez a porta. Minuto 88. Foille abondo para se facer cos 3 pontos.

O Celta tivo millenta ocasións para furar a portería defendida por Keilor Navas, mais esta equipa, como a do ano pasado, ten precisamente ese problema, non ten gol. E desta volta tampouco ten a Iago Aspas nen a ningún futbolista que nen por asomo se aproxime xa non só do seu talento, senón da súa capacidade para sementar pánico nas defensas rivais. Si ten proxectos de bons futbolistas -Rafinha, Santi Mina...- mas polo de agora só son iso, proxectos, e a exixencia na élite xa sabemos que é moita.

Moita marxe para a mellora

Luis Enrique continúa baixo sospeita, após ter colleitado só unha vitoria en 9 xogos. A paciencia de Balaídos comeza a esgotarse, embora talvez sexa demasiado prematuro atribuír xa responsabilidades ao treinador asturiano.

O Celta cae á zona de descenso, mas a situación dista de ser desesperada. Está a un ponto da salvación e aínda non superamos nen un cuarto do campionato. Hai moitos partidos por xogar e  moita marxe para a mellora, e para que futbolistas como Nolito, Charles, Rafinha ou o novísimo Santi Mina se aclimaten ao relvado de Balaídos.

Celta: Yoel, Hugo Mallo, Costas, Fontás, Toni, Oubiña, Krohn Dehli (Álex López, min.46), Rafinha, Santi Mina (David, min.82), Nolito (Orellana, min.69) e Charles.

Levante: Keilor Navas, Pedro López, Rodas, Navarro, Juanfran, Simao, Ivanschitz (Vyntra, min.60), Xumetra, Diawara (Barral, min.70), Rubén (El Zhar, min.46) e Diop.

Goles: 0-1, min 88: Simao

Árbitro: Álvarez Izquierdo, do comité catalán. Amonestou Rafinha, Orellana e Xumetra

Campo: Balaídos. 14.636 espectadores.