A PREVIA | O Uni Ferrol celebrará coa Malata na Liga o éxito europeo

O Uni Ferrol no seu último choque europeo. (Foto: FEB)
Os equipos galegos de baloncesto feminino e masculino volven á Liga esta fin de semana.

A máxima categoría do baloncesto feminino abrirá este sábado a competición co Baxi Uni Ferrol que recibirá na casa o Valencia (A Malata, 19 horas). As de Lino López apenas tiveron tempo de dixerir o seu pase a semifinais da Copa Europea, que xa ten a súa continuidade a vindeira quinta feira ante o ASVEL Lyon-Villeurbanne, para poder centrarse na Liga. 

O Celta, pola súa parte, recibe en Vigo o Cadí La Seu (Pavillón Municipal de Navia, 19 horas). As xogadoras celestes chegan con dúbidas despois de perder tres partidos e terán diante ás catalás cos ánimos elevados tras derrotar o Estudantes. 

A participación galega na Liga feminina remata, tamén este sábado, co partido entre o Ensino Lugo e Estudantes en Madrid (Movistar Arena, 19.30 horas). Antonio Pernas destacou onte “a enerxía e a actividade das xogadoras” no anterior choque e lembrou que Estudantes é un equipo “consolidado aínda que non mantivo o nivel mais ten xogadoras moi importantes”. 

A Coruña e Breogán

Na competición masculina, o Básquet A Coruña recibe este sábado o Lleida (Coliseum, 18 horas). Na previa, Diego Epifanio recoñeceu a importancia do choque “contra un rival directo” cunhas connotacións singulares como a de “estar abaixo connosco”. Con todo, quitoulle ferro á situación: “Importantes tamén son todos os partidos”. 

Por último, o Breogán visitará o domingo o Barcelona (Palau Blaugrana, 17 horas). Sobre o encontro na capital catalá o técnico do equipo galego tivo boas palabras para o rival que, segundo el, "é un equipazo a pesar das baixas", e considerou chave para un bo resultado na súa cancha "parar o seu xogo en transición" e focalizarse durante o choque en "facer ben o noso traballo" sintetizando a idea en que "para gañar alí hai que xogar ben ao baloncesto".