Os torneos de Nadal de fútbol gaélico chegan a Toén
Catro concellos da Galiza acollen estes días os Torneos de Nadal Punto Gal de fútbol gaélico. Estas citas empezan a se converter nun clásico destas datas dentro da programación de actividades das Gaélico Escolas que, a través dun comunicado, indican que sumando estas competicións de base a participación chegou a alcanzar as 250 rapazas e rapaces.
No canto dos habituais campos de fútbol, nestes Torneos, os partidos teñen lugar en pavillóns nun terreo de xogo de fútbol sala e xógase en equipos, a maior parte das veces, de cinco contra cinco.
A experiencia deportiva xa pasou por Trazo (comarca de Ordes) e decorreu no CPI Viaño Pequeno, o pasado 12 de decembro, e tamén por Sarria (comarca homónima) onde se disputou nas instalacións do IES Xograr o 18 de decembro.
Mañá, a competición viaxará a Toén (comarca de Ourense) ao Campo do Ameiral de Alongos e contará co habitual terceiro tempo para confraternizar. A competición decorrerá a partir das 12 horas e será un partido de U-15 con dous equipos mixtos de seis futbolistas, e outro de U-12 con dous equipos de entre seis e sete deportistas. Neles haberá deportistas das Gaélico Escolas do Ourense Gaels, en concreto do CEIP Saco de Arce de Toén (Esquíos FG) e do CEIP de Seixalbo de Ourense (Mouchos FG).
Xa en xaneiro terá lugar a última das citas, será en Boqueixón (comarca de Compostela) para a categoría U-12. Será no CEIP Antonio Orza Couto, e participan tamén o CEIP Camiño de Santiago (O Pino).
Auxe deste deporte
O aumento de deportistas no fútbol gaélico fixo que na comarca de Compostela se realicen dous Torneos de Nadal Punto Gal. Antes xuntábanse Boqueixón, Trazo e Urdilde. Coa incorporación do Pino e o aumento de futbolistas fai que se leven a cabo dous torneos por separado.
Tamén en Sarria, malia ser o primeiro ano de traballo das Gaelico Escolas, desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) cualifican de “gran éxito" o feito de poder facer nestas datas un torneo destas singulares características. Salientan, ademais, “a implicación de todos os centros escolares, e tamén á Secretaria Xeral para o Deporte, que en Lugo está comprometida”.