A SG Comercial vestirá as cores do CD Lugo tras a supresión da súa sección feminina

Foto de familia tras aprobar o convenio SG Comercial-CD Lugo. (Foto: CD Lugo)
Unha decisión que recupera o plantel feminino no clube lugués

O Club Deportivo Lugo e a SG Comercial Estudiantes alcanzaron esta segunda feira un acordo de filialidade co obxectivo de "sentar as bases dun proxecto de fútbol feminino sólido e sostíbel co tempo". O convenio, vixente durante a próxima tempada 2025-2026, fará que a equipa participe na Terceira División Galega baixo a denominación SG Comercial-CD Lugo Feminino, mentres que as xogadoras vestirán de branco e vermello coa equipación luguesa.

O vicepresidente e director xeral do clube, Adrián Raguza, destacou a importancia deste paso: "Cremos firmemente no desenvolvemento do fútbol feminino, mais entendemos que para crecer de verdade debemos facelo cunha base sólida e ben estruturada.". Na rolda de prensa tamén participou  o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, que deu o seu apoio ao acordo: "Este acordo coa comercial é un primeiro paso co compromiso da actual directiva de seguir reforzando a sección feminina de cara ás vindeiras tempadas". 

Agora a equipa atópase en proceso de confección do seu novo plantel para a próxima tempada, e o convenio promete reforzar a aposta do CD Lugo por dar visibilidade e proxección ao fútbol feminino ao consolidar a súa presenza.

Un plan de recuperación

O convenio realizado entre o CD Lugo e a SG Comercial realizouse nun momento de incerteza, pois o CD Lugo vén de eliminar as dúas equipas femininas da súa estrutura xeral, o cal deixou  moitas xogadoras desconcertadas e a afección indignada. Esta decisión tomouse nun punto no que o fútbol feminino na Galiza está en crecemento, con 8.300 fichas de xogadoras este ano, case 2.000 máis que cando se creou a equipa feminina luguesa en 2019.

Os recortes do orzamento do CD Lugo foron nun principio a causa pola que se decidiu abandonar este proxecto, aínda que non toda a xente na equipa entende a decisión. Entre elas está Iria Pérez, capitá do CD Lugo A, que estaba agora en Terceira RFEF e sinalaba nunha entrevista a Nós Diario a situación: "As adultas, sabendo que viña un novo grupo investidor a coller o club podiamos imaxinarnos que nos seus plans estaría o de intentar recortar. Agora, sacar os dous equipos feminino, non contabamos con iso,e. Pensábase que podía seguir o Lugo B —que xoga na Segunda galega —, porque non é tan custoso".