A selección inglesa érguese con ganas e anota catro goles contra os Países Baixos
Tras a derrota contra Francia na xornada do pasado sábado, Inglaterra espertou con catro obxectivos: os catro tantos que entraron na baliza neerlandesa, que colocan a selección laranxa nun empate de 3 puntos, convertendo a xornada final contra Francia na decisiva para clasificarse na Eurocopa.
O xogo comezou cunha morea de tiros libres fóra dos tres postes e dando varias oportunidades perigosas a ambos os equipos para marcar, mais sen éxito. Tan só no minuto 22 chegou o primeiro de catro tantos grazas á atacante dereita do Chelsea, Lauren James, tras un centro de Alessia Russo.
Despois dun remate de cabeza mal atinado por parte de Hemp, que ocupaba a banda esquerda, volveuse dar unha oportunidade aproveitada pola centrocampista Georgia Stanway. O segundo disparo que tocou a rede desde a distancia situou o marcador en 2-0 no segundo minuto engadido do primeiro tempo, restando esperanza ás holandesas.
No inicio da segunda parte Países Baixos fixo un triplo cambio de vez. Saíron Veerle Buurman, Jill Roord e Esmee Brugts en troca de Sherida Spitse, Lineth Beerensteyn e Caitlin Dijkstra, respectivamente. Beerensteyn tiña sofrido unha lesión previa ao inicio da Eurocopa, polo que a súa participación se vía limitada, pero a súa agresividade era necesaria para manter a presión na dianteira.
Ao chegar o minuto 50 Williamson anotaría o terceiro, mais tras a revisión do VAR o gol foi anulado. Tan só dez minutos despois, James, desta vez si, marcaba o seu segundo gol no partido, tamén segundo na competición, e terceiro para Inglaterra no choque. E non fixeron falta outros dez minutos, pois Ella Toone, centrocampista tamén, anotou baixo asistencia de Russo, que coa terceira asistencia tería recibido o nomeamento de xogadora do partido. Xusto despois do gol saíu Lauren James baixo unha grande ovación da bancada inglesa, posto que se convertera na segunda xogadora que anotaba dous goles contra Países Baixos na Eurocopa, suceso que levaba sen acontecer desde 2009.
O resto do encontro decorreu con moitas mans levadas á cabeza, xunto con varios intentos desesperados por agravar o 4-0 das inglesas, mais non deron os seus froitos. A ambición por chegar ao quinto tanto quedou pendente, mais os tres puntos quedaron no peto.
O outro partido do grupo, entre Francia e Gales, non rematara aínda ao feche desta edición. O domingo decidirase que dous equipos pasan polo grupo D. Esta quinta feira darase o veredicto no grupo A, cos choques finais entre Finlandia-Suíza e Noruega-Islandia.