O partido da selección española en Riazor custa ás arcas públicas 400.000 euros

Afeccionados de fóra da Galiza, recibindo á selección española á súa chegada ao aeroporto de Alvedro. (Foto: RFEF).
A estadía na Galiza dos Luís Enrique, Unai Simón, Morata e compañía para xogar hoxe ante Islandia non é de balde, pois tanto o Concello da Coruña -principalmente- como a Xunta da Galiza desembolsaron en concepto de "promoción" unhas cantidades que superan os 400.000 euros de gasto público.

O Municipal de Riazor acolle hoxe (20.45 horas) un encontro entre a selección española de fútbol e a súa homóloga de Islandia, o seu primeiro en máis dunha década na cidade herculina. Non obstante, a maquinaria detrás do combinado español aliméntase de cartos, e para que chegase até a Galiza ingresou máis de 400.000 euros procedente dos petos de todos os galegos e galegas. 

A inmensa maioría, 390.000 euros, saíron dun convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Real Federación Española de fútbol (RFEF) que foi aprobado onte nunha Xunta de Goberno Local "extraordinaria e urxente" convocada "con apenas 20 minutos de antelación", segundo informaron a Nós Diario desde o BNG. 

"Os 390.000 euros son un dos maiores gastos en deportes deste mandato. Non cremos que estea xustificado en concepto de promoción da cidade, máxime tendo A Coruña necesidades imperiosas sen cubrir en materia deportiva. A pesar de que presentamos unha pregunta ao respecto, a resposta foi moi imprecisa, e continuamos sen saber se o Concello vai recuperar o diñeiro investido vía venda de boletos ou publicidade", apuntou o seu portavoz municipal, Francisco Jorquera.

A RFEF tamén recibiu cartos do pobo galego a través da Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, aínda que nunha cantidade máis reducida. Desde Turismo da Galiza confirmaron a este medio que contratou "un espazo dentro da estratexia de promoción do Xacobeo" que adoptará a forma de valados publicitarios por unha cantidade total de 14.500 euros. 

Dimitir non é un nome ruso

O Deportivo da Coruña caeu contra o Celta B (2-1) no derbi da Primeira RFEF e xa está a nove  puntos do líder, o Rácing de Santander, agravando así unha crise que non parece ter fin. Non obstante, o técnico Borja Jiménez continúa negando a posibilidade de dimitir a pesar de que só foi quen de sumar oito puntos dos últimos 27. Outro Rácing, o de Ferrol, gañou 1-0 ao Sanse e axexa os coruñeses desde a terceira posición, mesmo resultado co que o Lugo perdeu contra o Eibar. Por último, mellor que aos seus compañeiros masculinos lle foi ao Dépor Abanca, que superou o Levante -líder da categoría- por un contundente 3-0.