Ryzhenkova, ouro mundial de wakesurf, pasará pola Coruña
A campioa mundial en 2025 da disciplina náutica do wakesurf, Nina Ryzhenkova, confirmou oficialmente a súa participación no Cidade da Coruña de Esquí Náutico-Wakeboard-Wakesurf, organizado por Mariña A Coruña dentro do seu Nautical Festival.
Desta maneira, únese á xa confirmada Noah Tamaral. A catalá conta cun subcampionato de Europa e outro Mundial no seu currículo. O evento realizarase a vindeira fin de semana coincidindo co Cidade da Coruña de Optimist-Trofeo Aurelio Fernández Lage que reunirá unha frota de 150 barcos de vela base.
Novas modalidades
As novas especialidades nadas ao redor do esquí náutico, están a tomar unha grande importancia porque reúnen unhas características que as fan un produto deportivo moi atractivo. Situadas basicamente en xeral en augas interiores dos rios, na Galiza practícanse agora mesmo en pistas náuticas como Cortegada e Castrelo de Miño (comarca do Ribeiro Ribeiro) ou en Barra de Miño, no municipio de Coles (comarca de Ourense).
O wakesurf, en concreto, é un deporte acuático de arrastre no que se usa a onda dunha lancha para facer surf. Ao comezo da actividade utilízase unha corda para saír, ben desde a auga ou desde a plataforma de popa da embarcación, que posteriormente se solta cando se alcanza a velocidade adecuada e se forma unha onda suficiente para arrastrar a táboa.
As táboas que se empregan neste deporte son similares ás convencionais de surf, aínda que podemos atopar tamén algunhas máis curtas, anchas e con quillas máis pequenas. Estas táboas de wakesurf requiren un nivel maior de habilidade e son máis adecuadas para realizar en ocasións trucos de superficie