Tui será este sábado a capital do wakesurf, o deporte náutico de arrastre máis antigo

A capital do Baixo Miño entrará esta fin de semana no circuíto de pistas oficiais desta modalidade de surf naútico. O compostelán Alvaro Montes parte como favorito en figuras de esquí  
Antonio Castedo do San Telmo de Tui en wakesurf (Foto: Jacobo Pereira).
photo_camera Antonio Castedo do San Telmo de Tui en wakesurf (Foto: Jacobo Pereira).

O río Miño, ao seu paso por Tui, estrearase hoxe como centro neurálxico do wakesurf, o deporte náutico de arrastre máis antigo que existe. Será grazas ao Campionato Ibérico e co Trofeo Xunta da Galiza en xogo, organizado para esta ocasión polo Dumies de Ourense, o Club Marítimo de Vigo e a Federación Galega de Esquí Náutico (FGEN). 

O wakesurf xa forma parte de maneira oficial da Semana Abanca e sumará por primeira vez a Pista do Miño de Tui,  co seu Centro Interfederado, ao grupo estatal de pistas oficiais  de competición como son a de Entrepeñas (Guadalaxara), Gimenells (Lleida) Pinto (Madrid). Benidorm (Alacante), Zaragoza, Castelldefels (Barcelona), Cubelles (Tarragona) ou Castelldefels (Barcelona). 

A organización anunciou, a través duun comunicado que durante a xornada realizaranse cinco categorías: Rookies, Open, Mulleres, Boys e Open skim style. As mangas comezarán ao fío das dez da mañá e a previsión é que rematen cara as sete da tarde. 

Deportistas de calidade

En total unha vintena de deportistas de moita calidade participarán nas diferentes probas. Entre os que comezan estará o campión de España de figuras de esquí náutico, o compostelán Alvaro Montes, que representará a Dummies de Ourense e é o gran favorito.

En Open Antonio Castelo Lourido, Alejandro Iglesias e Alfonso Rey foron os que conformaron o podio do último Ibérico de Wakesurf. Na categoría de mulleres contan para a vitoria a viguesa Miña Guzman, a pontevedresa do Náutico de Arcade Martina Senra así como a ourensá Alejandra Alonso (prata no Ibérico 2020) e a viguesa Aitana Vidal (bronce). 

Na división de Boys, destaca Luís Wizner, membro dunha familia de grandes deportistas náuticos que conta entre os seus membros con Laureano Wizner, un dos mellores patróns da vela española dos últimos anos, e con dous irmáns con grandes esperanzas a curto prazo para a vela olímpica. 

Probas náuticas até novembro

As competición náuticas da Semana Abanca 2022 continuarán en outubro coa Copa Ibérica de QFoil e Fórmula Windsurf en Vigo. En novembro haberá competicións de cruceiros no municipio de Cabanas; de remo tradicional e ergómetro na ría de Pontevedra; e finalmente en novembro, na Coruña, terá lugar a Regata Isabel Zendal para tripulacións femininas e o Cidade da Coruña de optimist.

Comentarios